Este luns recordan o "soño" de quen fora un pioneiro activista dos dereitos civís. Ao tempo, todo listo para a toma de posesión de Barack Obama como presidente o martes.
"Non haberá descanso nin tranquilidade nos Estados Unidos até que o negro teña garantidos os seus dereitos de cidadán. Os remuíños da revolta continuarán sacudindo os alicerces da nosa nación até que abrolle o esplendoroso día da xustiza. (...) Non debemos permitir que a nosa protesta creativa dexenere en violencia física. (...) Eu teño un soño: que os meus catro fillos pequenos vivan un día nun país onde non sexan xulgados pola cor da súa pel senón polo contido do seu carácter".
Velaí varios pedazos do famoso discurso, coñecido baixo o título "Teño un soño", pronunciado por Martin Luther King p 28 de agosto de 1963, na escaleira do monumento a Lincoln en Washington. Desde hai máis de vinte anos os Estados Unidos celebra o Día de Martin Luther King cada terceiro luns de xaneiro, unha conmemoración que é festa oficial en todo o país desde 1993.
Obama aproveita o simbolismo á porta da Casa Branca
Antes de que este martes sexa a súa toma de posesión como novo presidente dos Estados Unidos, o presidente electo, Barack Obama, tivo ocasión esta fin de semana de participar nun acto cheo de simbolismo que xuntou milleiros de persoas en Washington, no mesmo lugar onde Luther King pronunciara o famoso discurso.
"Ao longo da historia a poucas xeracións lle pediron enfrontar desafíos tan serios como os que encaramos nós agora. Estamos en guerra. A nosa economía está en crise. Non vou finxir que vaia ser doado enfrontar calquera deses desafíos. Levará máis dun mes, ou dun ano, e probabelmente serán necesarios moitos", afirmou Obama desde o mesmo lugar.
"O que me dá esperanza, por riba de todo, non son as pedras e o mármore que nos rodean, senón o que enche eses espazos. Son vostedes, os cidadáns de todas as razas, vidos de todos os lugares, e de todas as condicións: vostedes, que viñeron até aquí, porque cren no que este país pode ser e queren axudar a conseguilo", expresou o presidente electo dos EUA.
Recomendámoslles ampliar en: