É o cuarto recorte consecutivo dende o mes de outubro de 2008, cando o prezo do euro estaba no 4,25%.
O Banco Central Europeo (BCE) decidiu este xoves baixar medio punto os tipos de xuros na zona euro, que quedan agora no 2%, o nivel máis baixo dos últimos tres anos. Deste xeito, a institución presidida por Jean Claude Trichet leva catro recortes consecutivos do prezo do diñeiro dende o 4,25% de outubro de 2008.
O BCE pretende, con esta decisión, reactivar a actividade económica e combater a recesión. Por outra banda, a inflación da eurozona volveu baixar en decembro, até o 1,6%, cinco décimas menos ca en novembro, mentres que a variación mensual foi de -0,1 puntos. Porén, o paro subiu en novembro seis décimas, até o 7,8 por cento de media nos 15 países que en 2008 usaban o euro como moeda, antes da incorporación de Eslovaquia.