Sosteñen que citas coma esta permiten que a produción literaria galega gañe máis mercados e acceda a millóns de lectores potenciais.
O vindeiro 12 de febreiro arrincará a décimo oitava edición da Feira do Libro da Habana, unha cita que volverá contar con presenza galega. A polémica volveu xurdir logo de que a Consellaría de Cultura confirmase a participación institucional galega. De feito, o portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, cualificou de "insulto á cidadanía" esta decisión e lamentou o gasto que suporá o que considera como "unhas vacacións pagadas" para os altos cargos de Cultura.
A esta controversia sumouse agora a Asociación Galega de Editores (AGE), quen defende a ocasión de negocio que se abre con iniciativas coma esta. Aseguran así, que os eventos deste tipo "son unha prioridade profesional para os editores, por motivos históricos e polas oportunidades que se derivan do desenvolvemento económico e social dese ámbito xeográfico". Doutra banda, insisten en que é un xeito de chegar a "uns mercados de potenciais millóns de lectores" e defenden a participación galega na feira cubana por ser "unha interesante cita anual dende o punto de vista profesional".
Outras feiras
A AGE tamén asistirá durante este ano a outras feiras internacionais en diferentes puntos do mundo. Até o de agora xa teñen confirmada a súa presenza en Boloña, Bos Aires, Bienal de Rio de Janeiro, Fráncfort e Guadalaxara, así como no Salón Liber, que este ano se desenvolverá en Madrid.