Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
490 mil en todo o Estado

Máis de 23 mil familias ingresaron o cheque-bebé

O pago dos 2.500 euros, que só cobre un terzo da media de gastos de crianza dos cativos no primeiro ano, é criticado por partidos e asociacións.

Redacción - 13:25 14/01/2009

O Ministerio de Economía e Facenda achegou este mércores as cifras concretas do chamado "cheque-bebé" en 2008. Alén das 23.078 familias que ingresaron o pagamento por fillo nado durante este ano en Galiza, no conxunto do Estado aparecen á cabeza os 98.578 cheques repartidos en Andalucía, 83.099 en Cataluña e 70.955 en Madrid.

En total, o Estado Español forneceu de 490 mil cheques, gastando por riba de 1.200 millóns de euros, segundo as contas presentadas pola Axencia Tributaria. O pagamento tamén o poden recibir as familias que adopten un cativo, e no caso de familias monoparentais, numerosas ou nas que a nai sufra de discapacidade, o ingreso é de 1.000 euros máis. Os fogares poden tamén facer o cobro por vía fiscal, como deducións na cota do IRPF.

Un parche criticado por partidos e asociacións
"Na Lei de Ordenación Educativa negáronse a incorporar ese dereito, ensino gratis até os tres anos de idade, e agora propoñen un cheque de 2.500 euros para as familias? Eu prefiro dereitos a cheques", retrucaba Joan Herrera, deputado catalán de ICV durante o debate no Congreso onde o presidente do goberno español anunciou a medida.

É unha idea na que teñen afondado diversos colectivos cidadáns, recordando que a avaliación do que custa a crianza de cativos e cativas nese primeiro treito de idade non se soluciona cun cheque puntual. Un estudo realizado pola Fundación Eroski apunta que criar un fillo no seu primeiro ano de vida custa uns 6.000 euros, cifra referendada polos cálculos da Confederación Estatal de Amas de Casa e Consumidores ( Ceaccu) ou do Instituto de Política Familiar (IPF).


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: