Grupos de hip-hop, metal, música electrónica e garage do país, protagonistas dunha reportaxe da televisión española.
A actuación de Jiménez Los Santos poderase ver no programa / RTVE.es
A música galega de vangarda é protagonista dunha reportaxe emitida a nivel estatal. O veterano espazo Metrópolis da TVE presenta este domingo o especial "Galicia caníbal", dedicado ás novas propostas musicais dun país onde "cada vez é máis complicado actuar", segundo a presentación do propio espazo.
Aínda que as imaxes se gravaron en maio pasado, o documento farase público agora. As entrevistas recollen testemuños de representantes de diferentes estilos musicais. Así, Telephones Rouges e Schizophrenic Housewives amosarán o que se está a facer no Grove, mentres que tamén se repasará o hip-hop compostelán da plataforma Temazo, da que forman parte, entre outros, Furnier, Iron Mon, Juanito Broders e Malandrómeda.
Outro exemplo de experimentación é a que amosa o son garage de Rafa Anido e os seus diferentes proxectos musicais, mentres que a parte electrónica chegará da man de Telémaco e a difusión libre de sons de Alg-a. Por último, amosarase o lado metaleiro da música do país, representado por Dark Embrace.