Os novos arquivos de audio da tenda de Apple non teñen DRM, mais si o enderezo de correo electrónico do comprador.
Agora que as tendas de música dixital están a abandonar os sistemas DRM, que limitaban o número de reproducións ou copias, ou mesmo lles impoñían data de caducidade aos arquivos mercados, Apple resístese a deixar sen marcas a súa música. Na música mercada na súa tenda iTunes, de uso case obrigado para os usuarios de produtos Apple, estanse a incluír datos persoais do comprador.
Os arquivos de iTunes Plus xa non teñen protección, polo que poden ser reproducidos en calquera dispositivo. Porén, agochado no medio dos bits do ficheiro musical, Apple inclúe o enderezo de correo electrónico da persoa que o adquiriu. Segundo informa CNET, isto pódese comprobar abrindo o arquivo cun editor de texto e usando a función "buscar" para atopar o noso enderezo.
Esta marca, que non forma parte das etiquetas estándar incluídas nos arquivos MP3 ou M4A que comercializa iTunes, permite rastrexar a procedencia dunha canción que se poida compartir, por exemplo, nunha rede P2P.