Catro estacións recollen os sinais emitidos polos buques que navegan polo noso litoral e reflíctense nunha páxina web de acceso aberto.
As autoestradas do mar xa teñen un novo vixiante. E non se trata dunha iniciativa gobernamental, mais ao contrario, débese ao empeño dun bo número de altruístas afeccionados á náutica. Santiago Fagilde é un deles, un técnico de telecomunicacións afincado en Ourense e amante da navegación marítima. A mestura entre a súa profesión e a súa afección fixo que se sumase a un proxecto liderado por un madrileño que reflicte na rede a posición exacta de todos e cada un dos buques que navegan polas costas do Estado Español. A web en cuestión chámase localizatodo.com e parte do interese común de moitos outros como Santiago que habitualmente comparten inquietudes nunha das páxinas de internet de referencia no mundo da náutica, latabernadelpuerto.com.
Como un bo número destes taberneiros, Santiago Fagilde situou unha estación receptora na costa, en concreto en Baiona. Esta base consta dunha antena e un pequeno receptor (similar a un aparato de radio) que está conectado a un ordenador a través dun módem. Así, recibe os sinais emitidos por cada un dos buques que navegan nun radio próximo á súa situación. Trátase de aproveitar o sistema de identificación e localización internacional AIS, un método que xa é obrigatorio en todas as embarcacións que superan as 300 toneladas. Deste xeito, di Fagilde, "cunha pequena inversión que non supera os 200 euros da antena receptora contribuímos á fomentar unha maior seguridade no tráfico marítimo". O sistema AIS permite coñecer con maior fiabilidade os pormenores de cada un dos buques que circulan polo litoral: "non pretende substituír ao radar, pero complementa a información que aquel ofrece e o camiño é que sexa obrigatorio para todos no futuro".
Catro estacións en Galiza
A identificación de cada buque, as súas dimensións, a súa posición, o seu rumbo, a velocidade ou o destino. Todos podemos ter acceso a esta información a través da páxina web, un localizador virtual que se actualiza cada trinta segundos e que permite facer unha fotografía exacta do tráfico mariño nun momento dado. En Galiza sitúanse catro estacións: a de Baiona, outra en Cangas, outra en Noia e outra na Coruña.
Fagilde insiste no obxectivo desta iniciativa: "é unha achega ao mundo da seguridade marítima; o sistema AIS supón unha inversión en seguridade para as embarcacións que o instalan, tradúcese nun importante beneficio porque se precisas axuda no medio do mar poden localizarte nun espazo de tempo moi breve, xa que ofrece un nivel de exactitude moi fiábel sobre as rutas". Con todo, a web non é máis que unha iniciativa privada que naceu do ánimo duns afeccionados á náutica. Non existe ningún proxecto semellante de orixe pública: "Fomento podería telo, non é moi complicado, e os beneficiados son os propios barcos".