O IFEVI acollerá máis de 50 galerías de España, Portugal, ou Alemaña.
Antoni Tàpies, Miquel Barceló, Picasso, Francisco Leiro, Miró ou Manolo Valdés son algúns dos artistas cuxas obras se ofertarán na terceira edición da feira Puro Arte, que se celebrará do 15 ao 19 de xaneiro no Instituto Feiral de Vigo, organizada polo Concello e coa colaboración de Caixanova.O organizador do evento, Ignacio Scarpellini, confirmou que participarán máis de 50 galerías de España, Portugal, ou Alemaña, entre outras procedencias, e que presentarán obra pictórica, escultórica e gráfica de artistas consolidados e de valores emerxentes, que tamén terán o seu espazo na feira.
Unha das novidades desta edición é a incorporación da iniciativa 'Project Room', un espazo destinado aos artistas de vangarda máis transgresores. Así, un xurado independente seleccionou 16 proxectos de arte dixital, fotografía, murais, experimentación sonora, pintura e escultura, que poderán verse neste ámbito.
Por outra banda, a feira servirá para render homenaxe a un dos artistas galegos máis universais, Luís Caruncho, cuxo 80 aniversario coincidirá coa inauguración de Pura Arte. As instalacións do Instituto Feiral de Vigo acollerán unha retrospectiva da súa obra, presente en numerosos museos do mundo, así como en importantes coleccións, como a de Caixanova.
Entre as obras que poderán verse nesta edición, destaca unha peza de arpillera de Manolo Valdés, 'Minna V', cuxo prezo de venda é de 300.000 euros, así como interpretacións artísticas e ilustracións de obras literarias, como 'O Burlador de Sevilla' ou 'Don Juan'. Ademais, dentro das novidades, o espazo expositivo da feira foi deseñado polo arquitecto Otto Medem, de forma que os expositores están situados nun circuíto en forma de oito.