O vindeiro luns, día 12 de xaneiro a Asociación Pola Defensa da Ría organiza unha Proxección-Debate baixo o nome xenérico de “Guarani Mbyá”.
Será ás 20,30 na Galería Sargadelos e nela contaremos coa presenza dos realizadores de dous documentais que serán proxectados no acto, froito dun intenso traballo de investigación na Mata Atlántica do Brasil.
Os guarani mbyá son un pobo indíxena da “familia” guaraní que habita na faixa litoral do Brasil, chamada Mata Atlántica. Só no territorio brasileiro desta Mata existen preto de 100 aldeas guarani que contan máis de 7000 habitantes, que viven ameazados polos municultivos do eucalipto, da soia transxénica e outros recursos utilizados para a fabricación do biodiesel, así como de plantas de celulosa e de enerxía nuclear. Nas poucas áreas de floresta que aínda sobreviven os Guaraní apenas teñen lugares para plantar os seus alimentos tradicionais e continuar cos seus hábitos de vida. Forzados a deixar de ser nómadas nalgúns casos, ou desprazados das súa aldeas polas centrais hidroeléctricas ou pola demarcación estatal das terras, estes documentos gráficos mostran até qué punto o silencio sobre a súa situación é consecuencia dos intereses das grandes empresas multinacionais en continuar a explotar a biodiversidade destes lugares.
A científica e socióloga brasileira Márcia Gómes e o xornalista alemán Norbert Suchanek investigan sobre a supervivencia destes pobos desde hai máis dunha década e virán a Pontevedra para presentar dous dos seus traballos audiovisuais; trátase de dous documentais ambientados en dúas aldeas guaraní que sofren da desaparición dos seus ecosistemas e do sistema de vida, alertados pola explotación dos recursos naturais e a demarcación das terras.
Estes documentais pretenden dar voz aos pobos indíxenas esquecidos do Brasil e queren espertar en nós a solidariedade e a necesidade de preservar todos os espazos naturais que aínda non foron destruídos polos intereses da industria e o mercado.
Os dous poñentes estarán en Pontevedra desde o vindeiro domingo até o martes día 13, a súa presenza englóbase nunha xira de presentación dos seus traballos que os levou xa a diversos lugares de Asturias e Portugal, así como Santiago de Compostela, Vigo e Ourense.