Nacións Unidas suspende o labor de axuda en Gaza despois da morte dos traballadores dun transporte que, malia levar identificación clara, foi atacado por Israel.
Despois de dúas semanas de ataques sobre Gaza, o Consello de Seguridade da ONU foi quen de aprobar a primeira resolución ao respecto da situación. O documento saíu adiante co apoio unánime de todos os integrantes do Consello agás Estados Unidos, cuxa representación decidiu absterse. Ao fío, a secretaria de Estado dos EUA, Condoleezza Rice, explicou que a mellor vía para a consecución do cesamento do fogo é a negociación levada a cabo en Exipto, coa mediación de Francia.
O documento aprobado nas Nacións Unidas estabelece unha esixencia de alto e fogo que equipara na práctica a Israel e Palestina pedindo o "cesamento inmediato do fogo" tanto ao exército israelí como a Hamás. Un texto que chega froito de intensas negociacións entre os países árabes e as principais potencias occidentais. Engade a resolución que é urxente a procura de solucións e insta a israelís e palestinos a conseguiren "un inmediato, duradeiro e respectado cesamento do fogo que remate co repregamento das forzas israelís de Gaza".