O ano estará marcado polos actos ao redor de Ramón Piñeiro e polos avances na Cidade da Cultura.
2009 será, evidentemente, o ano Piñeiro. O Día das Letras estará dedicado ao ideólogo galeguista que recibiu na súa mesa-camilla a centos de persoas que despois ocuparon postos de responsabilidade na Galiza autonómica. Será un ano polémico, de debate sobre o papel que xogou Piñeiro sobre todo no ámbito político, tanto nos últimos anos da ditadura coma na Transición.
E será, tamén, o ano do Gaiás. A Cidade da Cultura comeza a ver a luz ao final dun túnel de case dez anos e cincocentos millóns. En 2009 inauguraranse con moito atraso os dous primeiros edificios do complexo: a Biblioteca e o Arquivo Nacional, e acabará de definirse o contido dos edificios que abrirán as súas portas no 2010, ano Xacobeo: o Museo de Historia de Galicia e mais o Centro de Investigación do Patrimonio.
En canto á proxección internacional da cultura galega, as dúas grandes citas serán o Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, no que en xullo Galiza será o país convidado. E o Saló do Cómic de Barcelona, que comezará o 29 de maio, que tamén se centrará principalmente nos creadores do noso país. Importantes serán igualmente as feiras do libro de Bos Aires, Guadalaxara, La Habana, Boloña e Frankfurt; o Mídem e o Womex en música.
No cine, Galiza ten unha cita o 1 de febreiro na cerimonia de entrega dos Premios Goya, onde o filme Os xirasoles cegos, de José Luis Cuerda, é a gran favorita. A película, que representa a España no Óscars, foi rodada en Ourense e conta no seu elenco con numerosos actores galegos, encabezados por José Ignacio Egido e Martiño Rivas, nominados aos Goya.
No teatro, a primeira das citas importantes do ano é a estrea de As Dunas, o 6 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A obra, un divertido e tolo percorrido pola Mariña, supón o encontro dos dous autores máis importantes do teatro galego actual, Manuel Lourenzo, que escribiu a obra, e Quico Cadaval, que a pon en escena. A obra xirará nos meses seguintes por todo o país.
Efemérides
O 28 de xuño de 1984 foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres, no convento de Bonaval, os restos de Castelao, que repousaban no cemiterio bonaerense de Chacarita. A chegada do corpo do líder nacionalista provocou grandes protestas nas semanas previas e nas mesmas portas do convento, onde os manifestantes foron disoltos de xeito moi violento pola policía, que causou numerosos feridos.
En 2009 celebraranse un bo número de cabodanos. O 11 de xaneiro farán 150 anos do nacemento de Alfredo Brañas. O 5 de abril farán 30 anos da morte de Luís Seoane, que faleceu en 1979, o mesmo que Blanco Amor, de quen se conmemorará o trinta aniversario do seu falecemento o 1 de decembro. Farán tamén 50 anos da morte de Ramón Cabanillas (o 9 de novembro) e cinco do pasamento de Antón Tovar (16 de xuño) e Manuel María (8 de setembro). Finalmente, o 30 de outubro, farán dez anos da morte de Uxío Novoneyra. 2009 será tamén o bicentenario da entrada dos franceses en Galiza. O 25 de xaneiro de 1809 os exércitos de Napoleón conquistaron Ribadeo, e o 16 de xuño derrotaron ás británicas na Batalla de Elviña, na que faleceu o seu xeneral, John Moore.