Un lector, Ismael Alonso, cóntanos todas as trabas que atopou cando intentou apostatar da Igrexa Católica
Texto íntegro que nos envía Ismael Alonso:
"Acúsome de ter pensado e actuado. Acúsome de ter cometido o pecado máis grande do mundo nos tempos que vivimos; ser consecuente coas miñas ideas.
En agosto do ano 2007 este pecadento que escribe, quixo dunha vez por todas rachar todo vínculo que o relacionaba coa Igrexa Católica. Así, din comezo ó complexo e longo proceso da apostasía.
Logo de moitos trámites burocráticos e de impedimentos por parte do Bispado Tui-Vigo, en febreiro de 2008 a Axencia Española de Protección de Datos forzou a través dunha resolución administrativa ó Bispado Tui-Vigo a anotar no Libro de Bautismos que eu renunciaba á fé católica. Como foi mandado, nese mesmo mes recibín un documento firmado por D. Emilio González Outerelo, vicesecretario do Bispado, no que constaba a miña “baixa”. Conforme. Ou non? Examinando o citado documento máis detidamente, decateime dun pequeno pero sospeitoso erro. A data de nacemento e de bautismo tiñan 13 anos de diferenza, cando eu fun bautizado ós 5 meses de vida.
Por evitar problemas e falcatruadas, en agosto de 2008 mandei unha carta certificada á viguesa parroquia de Nosa Señora do Carme, con sé na rúa Padre Lorenzo 2. En termos moi educados, e adxuntando unha copia do meu DNI, pedíalle unha copia da miña partida bautismal para comprobaren a anotación de apostasía. Tendo constancia de que a Parroquia recibiu a carta, non recibín resposta polo que interpuxen un recurso na Axencia Protectora de Datos. Como todos sabemos, os trámites, e máis se son a nivel estatal, son moi lentos. Por este motivo fun persoalmente o día 7 de xaneiro de 2009 á Parroquia. Alí fun atendido por un señor moi amable que non tivo problema en buscarme no Libro de Bautismos para darme a prezada copia. Esa amabilidade que mostrou ó principio tornou en enfado cando comprobou o motivo da miña petición. Pechou o Libro de socato e en termos moi cortantes díxome que el non podía dar datos que estaban anulados, ainda que non borrados. Eu, sabedor da política da Igrexa con respeto ó asunto, díxenlle que segundo eles mesmos, eses datos non podían ser anulados e por iso mesmo volvínlle pedir unha copia. Dun xeito prepotente e chulo tentou convencerme de que marchase. Sempre mantendo as formas, díxenlle que a lei me amparaba e pedínlle a copia de novo. Dándome unha palmadiña nas costas “botoume fóra” dicindo literalmente: “Además no creo yo que tenga mucha importancia” (ademais, non creo que teña moita importancia). Decidín non insistir máis e marchei. Ó chegar á casa preparei outro recurso para a Axencia Protectora de Datos.
Polo momento isto é todo o que me aconteceu, pero penso que é dabondo como para facelo público. Dende aquí quero denunciar publicamente as dificultades que os ateos temos para saír das gadoupas da Igrexa, a prepotencia coa que actúan e por enriba de todo a conivencia dos gobernos español e galego no asunto. Non se pode permitir que unha institución privada e corrupta abuse deste xeito dunha sociedade que cada vez está máis farta. Xa chegou a hora de loitar contra esta inxustiza milenaria. Pecadentos do mundo, unídevos!"