O libro recolle 38 traballos publicados polo profesor en Triunfo e outras publicacións de fóra de Galiza entre 1962 e 1980.
Letras Galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia recolle artigos, informes e reportaxes sobre a lingua e a cultura galega, e que mesmo durante a ditadura franquista foron publicados en numerosas publicacións de todo o Estado. Destacan, sobre todo, os 15 traballos que viron a luz en Triunfo, revista de referencia da oposición a Franco dirixida por Eduardo Haro Tecglen. Estes quince textos pódense consultar na web histórica da revista, que hai uns anos colgou para a súa consulta pública todos os seus números.
Temos, por exemplo, o artigo dedicado por Alonso Montero a Manuel Antonio en 1979, a Celso Emilio Ferreiro nese mesmo ano, ao décimo aniversario da publicación de Longa Noite de Pedra (en 1972), ao retorno do exilio de Lorenzo Varela (1977), ou o completísimo informe publicado en 1972 titulado 'La literatura gallega de hoy: un fenómeno conflictivo'.
O profesor Alonso Montero, destacado militante do PCG nos anos setenta, analiza o valor destes traballos, publicados na súa meirande parte antes da morte do ditador, ou cando a democracia saída da Transición aínda non estaba consolidada e a defensa de posicións netamente esquerdistas implicaba un risco real. "Téñase en conta que eu non escribía como un liberal de dereitas ou de centro; eu escribía desde postulados esquerdistas, ás veces decididamente marxistas, falase do problema da lingua, da socioloxía da literatura ou dos escritores rebeldes que nunca oíron a chamada da revolución.
Os escritores galegos que eu explicaba ós ‘lletraferits' de fóra de Galicia eran escritores que estaban coa causa da esquerda, entre eles, Viqueira, Celso Emilio Ferreiro, Luis Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas. Explicándoos, promocionábaos fóra das nosas fronteiras, consciente sempre de que unha boa parte dos lectores extragalegos tiñan unha idea máis ou menos ‘idílica' e ‘folclórica' da nosa literatura. A esta causa, a de facer ver que existían nas Letras en galego importantes páxinas cuestionadoras, dediquei unha boa parte do meu traballo intelectual, sobre todo como conferenciante en Madrid, Barcelona, Salamanca, Paris (1967) e mais Buenos Aires e Montevideo (1969). Todo antes da morte de Franco".