Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARTAS E CONCENTRACIÓNS

Novas protestas no noso país contra a invasión

O Seminario Galego de Educación para a Paz anima a enviarlle cartas ao embaixador israelí en España.

Redacción - 19:04 07/01/2009

Máis de 200 persoas concentráronse este mércores durante cinco minutos de forma silenciosa en Oleiros nun xesto de apoio ao pobo palestino ante os bombardeos de Israel na franxa de Gaza, nun acto promovido polo Concello. Segundo afirmou o alcalde, Anxo García Seoane, o seu obxectivo é "concienciar sobre que hai que opoñerse a todos os terroristas". Neste sentido, recordou que a Federación de Municipios e Provincias "sempre que ETA comete un atentado convoca cinco minutos de silencio", unha iniciativa que, ao seu xuízo, debería ocorrer tamén neste caso.

De igual xeito, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou nunha entrevista non entender que haxa "un xenocidio premeditado e organizado" contra "todo un pobo" e "a comunidade internacional quede de brazos cruzados".

Pola súa banda, o Seminario Galego de Educación para a Paz ofrece na súa web un modelo de carta de protesta e a posibilidade de remitirlla electronicamente ao embaixador isrealí en España. No texto o SGEP lémbralle ao Estado de Israel  a súa obriga, certificada pola ONU, de cumprir co Convenio de Xenebra e cos acordos da Corte Internacional de Xustiza. A carta finaliza solicitándolle "que faga todo o que estea na súa man para trasladar ao seu Goberno este pedido urxente ao obxecto de que se respecten debidamente aquelas obrigacións xurídicas internacionais, e se deteñan o máis axiña posible todas as accións armadas indiscriminadas e desproporcionadas que actualmente o exercito do seu país leva a cabo en e sobre a franxa de Gaza e a súa poboación civil".

Novas concentracións en Galiza

Esta semana estanse convocando novas concentracións no noso país. Por exemplo, en Ferrol, o venres 9 ás oito da tarde, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia. Esta convocatoria está apoiada por numerosos colectivos, entre os que destacan ADEGA, Asociación Cultural Fuco Buxan, CIG, CNT, Esquerda Unida, Nós-UP, PCG e Verdegaia. E ese mesmo día nas Pontes as 19:30 (na Praza do Hospital).

Na tarde do mércores estanse a celebrar numerosas asembleas en todo o país para a organización de novas accións; barállase a convocatoria dunha manifestación nacional de protesta ou cando menos que se concentren as distintas manifestacións locais nun mesmo día para darlle unha maior repercusión popular e mediática como xornada de mobilización nacional en solidariedade con Palestina.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: