Pretende mellorar o seu hábitat e contribuír ao desenvolvemento das persoas que conviven con esta especie.
2009, "Ano do Gorila"
Os conflitos armados en África afectan tamén á supervivencia dos grandes primates como o gorila, especie ameazada que comparte case o 100% dos xenes cos humanos. Esta é unha das razóns que levou a ONU a declarar 2009 “Ano do Gorila”.
Con esta iniciativa, promovida polo Programa para o Medio Ambiente (UNEP, en inglés)e pola Convención para as Especies Migratorias (CMS, en inglés), a ONU pretende mellorar o hábitat dos gorilas e contribuír ao desenvolvemento das persoas que conviven con esta especie, para favorecer a súa supervivencia nun contexto de paz.
"Cada día recibimos información sobre conflitos armados, sobre todo en áreas onde viven os gorilas", afirmou Michel Perret, representante do Ministerio francés de Ecoloxía. "Hai que traballar para a paz, tamén para os primates", apuntou.
A poboación da especie dos gorilas de montaña, que viven na República Democrática do Congo, Ruanda e Uganda, cífrase en 700 exemplares, mentres que son 300 os que quedan da coñecida como Cross River (por vivir ao carón do río Cross), en Camerún e Nixeria.