O xornal oficial do Estado Español segue o camiño que abriron en 2007 os seus equivalentes valenciano e catalán.
Co comezo do novo ano, desaparece a edición do Boletín Oficial do Estado (BOE) en papel. Por mor da Lei para o Acceso Electrónico aos Servizos Públicos, o xornal oficial español deixará de estar dispoñíbel na súa versión impresa e só se poderá acceder a el a través da internet.
A edición dixital do BOE terá a mesma validez legal da impresa. Aínda así, seguiranse a imprimir algúns exemplares para o seu arquivo físico. Para garantir que a cidadanía sen acceso á rede poida consultar o boletín, todas as oficinas de información e atención cidadá da Administración xeral do Estado dispoñerán dun terminal de consulta pública e impresión do xornal.
O BOE é o periódico máis antigo do Estado Español dende o seu nacemento como Gaceta de Madrid en 1661. Todas as edicións, dende o primeiro número, pódense consultar tamén na súa versión en PDF dende o ano 2003. Actualmente a web do BOE é a máis visitada da Administración, con 2,5 millóns de consultas ao día.
O Goberno Español calcula que se aforrarán tres millóns de euros netos, ademais de evitar talar 45 mil árbores ao ano, 10 millóns de litros de auga e 500 megavatios de enerxía.
Precursores
O Boletín Oficial do Estado segue os pasos marcados polo Diari Oficial da Generalitat Valenciana, que se deixou de imprimir en 2007, e do Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya, que xa xubilou a edición en papel o 30 de xuño dese mesmo ano.
Entre tanto, o DOG aínda non ten previsto o salto definitivo ao dixital. De feito, na súa web indícase que o servizo "foi concibido para complementar a edición en papel".