Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
POR DIVERXENCIAS ENTRE LINGÜISTAS

Máis atraso no Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa

Brasil será o primeiro país en adoptar oficialmente as novas regras que entran en vigor o primeiro de xaneiro de 2009.

Redacción - 12:00 31/12/2008

Asinado en 1990, o Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa semella estar en perigo. Para a súa entrada en vigor debeu de ser ratificado por un mínimo de tres parlamentos de países lusófonos, non obstante, a súa totalidade aínda non se sumou ao proxecto. Até o de agora aprobárono Portugal, Brasil, São Tomé e Príncipe e Cabo Verde, mais faltan Angola, Mozambique, Guinea Bissau ou Timor Leste.

As diverxencias entre lingüistas portugueses e brasileiros poden retardar a implantación de novas regras comúns aos países lusófonos e voces como a do presidente do Instituto Internacional da Língua Portugesa (IILP), Godofredo de Oliveira, xa anuncian que "se a convención internacional non é adoptada igualmente por todos os países o acordo non é posíbel". As principais discrepancias emanan da dificultade de acordar un vocabulario ortográfico común, un problema que ten base lingüista, como subliña o propio Oliveira: "o que falta é a unión dos especialistas, non dos políticos".

Nesta liña, expón que é necesario o entendemento entre a Academia Brasileira de Letras (ABL) e a Academia das Ciencias de Lisboa, as dúas institucións responsábeis da elaboración do vocabulario común de referencia para os dicionarios. Por exemplo, un dos desencontros entre os lingüistas é o uso do guión: os brasileiros defenden a súa eliminación, mentres que os portugueses disenten.

O primeiro será Brasil, Portugal terá que agardar
Brasil será o primeiro país en adoptar oficialmente estas novas regras ortográficas, que entrarán en vigor o primeiro de xaneiro de 2009, cun prazo para axeitar os libros didácticos e dicionarios que se prolongará até decembro de 2012. Entre os obxectivos desta iniciativa están o de consolidar o portugués como lingua internacional, abrir o mercado editorial e facilitar a circulación de obras nos países lusófonos.

Mentres, o ministro de Cultura portugués, José Antonio Pinto Ribeiro, asegurou estar convencido de que a entrada en vigor do Acordo Ortográfico se dará durante a presidencia da organización lusófona, en 2010. En Portugal, as mudanzas lingüísticas modificarán o 1,42% do seu dicionario; mentres, en Brasil, introducirán cambios nun 0,43% das súas entradas.


Ligazóns

1,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



É necesario o entendemento entre lingüistas portugueses e brasileiros
É necesario o entendemento entre lingüistas portugueses e brasileiros
Brasil será o primeiro país en adoptar oficialmente as novas regras que entran en vigor o primeiro de xaneiro de 2009
Brasil será o primeiro país en adoptar oficialmente as novas regras que entran en vigor o primeiro de xaneiro de 2009