Unha petición en liña dirixida ao segundo home máis rico de Rusia ofrece un territorio "limpo" e unha poboación "traballadora".
Abramovich, cando era gobernador de Chukotka
A internet ofrece a liberdade de poder ser altofalante de calquera tipo de reinvindicacións. Quizais por iso, un grupo de máis de 400 habitantes de Letonia pídelle ao multimillonario ruso Roman Abramovich que merque o seu país.
A Abramovich, coñecido por ser propietario do Chelsea, club de fútbol inglés, dirixíuselle unha carta conxunta na que se lle lembra que Letonia está en creba e dise que se está en conversas co Fondo Monetario Internacional para vender o país por 7.500 millóns de euros.
"Gustaríame que considerase a posibilidade de mercar Letonia: a poboación é traballadora e complacente, é unha área ambientalmente limpa e hai moito espazo para atracar o seu iate", o luxoso Pelorus, engade a carta.
O certo é que Letonia é o estado da Unión Europea que está a sufrir máis a crise económica, cun descenso do PIB do 4,6 por cento no terceiro trimestre deste ano con respecto a 2007. E Abramovich ten a segunda meirande fortuna de Rusia, segundo Forbes, que estima en 23 mil millóns de dólares.
Non é a primeira petición en liña neste sentido posta en marcha por residentes en Letonia. Anteriormente, dúas mil persoas asinaron unha solicitude ao goberno sueco para "ocupar" o seu territorio.