Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En directo dende Palestina

Carta dende Gaza

Moncho Iglesias achéganos as reflexións de Khalil, un seu amigo habitante da Faixa, nestes días de medo e escuridade. Vídeo no interior.

Moncho Iglesias / Khalil George Zakharia - 11:25 30/12/2008

Khalil é un amigo de Gaza. En canto falei con el, no tempo que hai luz e se pode falar, agradeceume enormemente que me lembrase del. Di que xamais esquecerá a xente que contacta con el nestes días. Por iso, engado o seu enderezo electrónico, por se alguén quere mandarlle un saúdo de ánimo. A carta-artigo son pensamentos de Khalil que agradeceu se desen a coñecer.


Benqueridas e benqueridos: Chámome Khalil George Zakharia, teño 26 anos e son de Gaza. Escríbovos para contarvos un pouco do que se está a vivir, nestes días, na zona onde eu vivo. Mentres escribo, escoito os avións sobrevoar o ceo e teño medo de que se corte a electricidade de novo. Isto é o que vén sucedendo con normalidade nos últimos días.

Considérome unha persoa normal, un cristián orixinario da cidade de Gaza, e pertencente á comunidade ortodoxa, aínda que sempre rezo na igrexa católica. Neste sentido, quero apuntar que nós, os cristiáns, estamos unidos en Gaza e non hai diferenza entre ortodoxos, católicos e anglicanos. Amais, temos boas relacións cos nosos irmáns musulmáns da Franxa de Gaza.

Estudei lingua e literatura inglesa, e tamén falo francés; amais, estou intentando estudar castelán. De momento non podo facelo, posto que o centro que había pechou hai uns anos por mor da situación. No eido laboral, tiven diferentes traballos, sendo o último como coordinador de proxectos no Centro Médico de Gaza. Na casa estou coa miña nai e dúas irmás pequenas.

En canto ao conflito, creo que a única solución para esta guerra entre dúas nacións (Israel e Palestina) é a paz, nada máis cá paz. As igrexas palestinas están traballando sobre isto; quero dicir, reunificar as distintas faccións e xuntalas para un ben común. Espero que así sexa. Sei que a presión dos israelís é moi dura e isto nos está cegando, pero estou seguro de que hai un camiño.

Non é unha cuestión de loita contra a orde superior dende o flanco máis feble, é unha guerra contra a xente de Gaza; quero dicir: civís, porque vese claramente que a invasión é contra cativos, nenos e calquera palestino sen ningún tipo de discriminación. Por iso, se o goberno israelí continúa, o problema continuará e crecerá, e haberá un enorme burato entre nós.

En cada familia pódense atopar, cando menos un ou dous mortos. Isto significa que ninguén esquecerá xamais a eses que morreron polo seu país, e a única reacción será a vinganza. Xa non importan cantos máis morran nesta guerra, senón que virá despois, que hai tras isto; de verdade pensan que os palestinos, ou calquera outra persoa, nunha situación así, poderá esquecer isto? Penso que non.

Rezamos pola paz, porque haxa paz e prosperidade nesta terra. Que pasaría se vivísemos en paz, dúas nacións, unha ao carón da outra? Espero que isto se escoite algún día.

Grazas por lerme. Apertas dende Gaza, Khalil.

khalilcaritas (arroba) yahoo.com


5/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: