Concentráronse a carón da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra en protesta por las multas impostas a dous dos seus integrantes, que chegan aos 2.500 euros.
Logotipo da Plataforma 'Salva o Tren'
Membros da plataforma 'Salva o Tren' concentráronse esta segunda feira ás portas da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra para pedir esmola, e con ela recadar fondos para seguir reivindicando o tren de proximidade para Galiza.
"Vemos pedir esmola porque como somos xente sen aspiracións políticas, que non estamos apoiados por partidos nin sindicatos, precisamos cartos para seguir coa nosa loita", explicou o coordinador da plataforma, Fernando Gómez, quen engadiu que elixiron a cidade de Pontevedra para manifestarse "para que o subdelegado tome conciencia do que o pobo está a sufrir con este tema".
Gómez referíase a dous membros da Plataforma; a voceira, Lucía Latorre e o representante do Sindicato de Estudantes en Compostela, Lucas Picó, que foron sancionados polo representante do goberno con senllas multas que chegan, en total, aos 2.500 euros. Para o representantes de 'Salva o Tren', detrás destas multas hai unha clara persecución política, porén, isto, segundo dixo, non vai facer que o movemento descanse, "nin sequera polo Nadal". Segundo Gómez, a Plataforma xa está desenvolvendo "novas iniciativas" para impedir que se desmantelen as estacións de tren.
"Os partidos deberan defender o tren convencional"
Polo de agora o Ministerio de Fomento eliminou o 50% das estacións do Eixo Atlántico, como a de Portas que, segundo Fernando Gómez, ten "totalmente xustificada" a súa permanencia: "Dispoñemos de datos oficiais segundo os que este tren era empregado cada día por 32 viaxeiros, o que representa o 1,1% da poboación da zona", explicou o coordinador de 'Salva o Tren'.
A Plataforma hase xuntar o vindeiro sábado 10 de xaneuros para estudar un novo calendario de mobilizacións, no que a campaña electoral terá un protagonismo especial, xa que os veciños entenden que todos os partidos deberían recoller nos seus programas unha política clara de defensa do tren convencional. Nos pasquíns que repartiron en Pontevedra dino ben claro: "Defendendo o tren rexional e un futuro tren de proximidade defendemos a seguridade, a vida, o desenvolvemento, o medio e o futuro das vilas".