Ademais, Iván Campos fíxose co Modesto Figueirido e Xil Xardón levou o Lorenzo Baleirón.
Os últimos días antes do Nadal son tempo de premios literarios. A pasada semana fallouse o Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro, e este luns coñecíase o gañador do certame de narracións breves Modesto Figueiredo, que se entrega en Padrón. Este martes sóubose o resultado de dous dos máis importantes premios de poesía do país: o Caixanova e o Xohan Carballeira do Concello de Bueu.
Premio Caixanova de Poesía
O xurado do VII Premio de Poesía Caixanova decidiu outorgarlle o galardón a Luís Valle Regueiro (Lugo, 1977) pola obra A caída. O xurado estivo composto por Luís González Tosar, Anxo Angueira, Elvira Riveiro, Miro Villar e Ramón Nicolás. Os cinco valoraron a "coherencia estética e un equilibrio estrutural próximo ao minimalismo expresivo". Así mesmo, tamén quixeron destacar que "resulta significativo o tratamento que fai o autor da poética do íntimo cun suxestivo repertorio simbólico e un rexistro lingüístico contido pero escolleito". O certame conta cunha dotación de doce mil euros, e nas súas sete edicións conta entre os seus gañadores con Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López-Casanova, Marilar Aleixandre e Carlos Penela.
O Modesto Figueiredo, para Iván García
O coruñés Iván García resultou gañador do Premio Modesto Figueiredo (cunha contía de 600 euros) co seu relato Unha casa chea de xanelas. O autor recibiu este mesmo galardón, concedido polo Concello de Padrón, en 2006. O xurado, no que estaban Avelino Abuín de Tembra, Carlos Negro ou Román Raña, valorou a capacidade narrativa, o detallismo na construción psicolóxica dos personaxes, e o multiperspectivismo para crear a historia mestura de realidade e imaxinación. Tamén destacou a gradación de accións, o detallismo, as referencias temáticas do momento ea presenza de elementos narrativos de definición cinematográfica.
O xurado outorgou dous accesit, para os textos Colleita de sombras, da coruñesa Chelo Suárez Muíños, e Un pintor malogrado, de Alberto Gómez Aneiros. Tanto os traballos premiados como os propostos para publicación (Ai, padriño, A corrente salvaxe, e Happy Sunday), se así o permiten os seus autores, serán publicados pola Editorial O Castro.
O Lorenzo Baleirón, para Xil Xardón
O xurado da trixésimo primeira edición do premio Eusebio Lorenzo Baleirón, que entrega o Concello de Dodro, entregou o galardón ao limiao Xabier Xil Xardón co seu poemario Cando menos, a derrota. Segundo Anxo Franco, concelleiro de Cultura, "trátase dunha obra épica baseada na perda que houbo, precisamente, na Limia". O xurado, formado polos poetas Anxo Angueira, Xiana Arias, Neves Soutelo e Miro Villar, valorou que na obra atópase "o fío condutor claro e a épica máis ousada das tres finalistas". Ademáis do premio en metálico (2.300 euros), o gañador verá publicados 500 exemplares da súa obra na editorial Soutelo Blanco.