A lendaria sala da Estrada organiza súa festa de despedida, despois de 10 anos de "compromiso co metal galego e internacional".
A Sala Inferno, da Estrada, organiza este sábado día 20 de decembro a súa festa de despedida. A sala pecha, despois dunha década funcionando, segundo contan, en "compromiso do metal galego e internacional" e sendo "referencia para os amantes da música con actitude".
De feito, a banda convidada para descargar o seu directo neste local, a derradeira na historia do Inferno, será a compostelá Invivo, que presentará os temas do seu primeiro disco, actualmente en fase de mestura nos estudos Pousada Son.
O grupo está formado por Ricardo González (batería), Roberto Couto (guitarras), Roberto Filgueira (baixo e voces) e Mario César (voz e guitarra), e poden escoitar un pouco do que fan no seu MySpace. A entrada é libre.