A análise da Fundación das Caixas de Aforro indica que o país iniciou a última década coas menores taxas de crecemento do Estado, cunha viraxe significativa desde hai dous anos.
No treito 2000-2007, a economía no conxunto do Estado chimpou especialmente en Murcia e Andalucía, que acumulan as maiores taxas de crecemento nese período, mentres que atopamos a Galiza no outro estremo, á beira de Baleares, Asturias e Euskadi.
Así e todo, os números de 2007 indicarían xa un cambio de tendencia. Segundo o informe da Fundación das Caixas de Aforro (Funcas), o PIB galego subiu ese ano moi por riba da media do Estado, sendo só superado polo de Aragón. A nivel provincial, ese ano a provincia de Pontevedra experimentou unha taxa de crecemento económico comparativamente maior á do resto, quedando por riba do 4% e só coa de Zaragoza medrando a cifras similares.
Durante o período analizado, Galiza presentou a segunda peor evolución da poboación no conxunto do Estado, xa que só se incrementou nun 0,78%. Só Asturias, cunha caída do 0,83% do seu número de habitantes, experimentou unha peor evolución demográfica.