Mil delegados decidirán entre o mércores e venres o futuro do sindicato. O ferrolán Ignacio F. Toxo quere liderar un voto de castigo ao actual secretario xeral.
O secretario xeral saínte de CC.OO., José María Fidalgo, realizou este mércores un "bo balance" da súa xestión nos últimos catro anos ante os 1.001 delegados que o venres decidirán se continúa ou non no cargo. O resultado meramente cuantitativo aválao: nos oito anos de mandato, Comisións pasou de 760.000 a case 1,2 millóns de afiliados. Os ingresos por cotas de militantes pasaron de 80 a 149 millóns ao ano. E ampliouse a vantaxe de delegados sindicais con respecto a UGT: de 0,6 puntos en 2000 a dous puntos en 2007.
José María Fidalgo pretende manterse no poder por terceira ocasión. Este suposto, extraordinario segundo os Estatutos da central sindical, provocou a aparición no último momento doutro candidato: Ignacio Fernández Toxo. Xa no ano 2000 Toxo tratou de dar o salto á Secretaría Xeral, cando Antonio Gutiérrez deixou o cargo. A decisión de Toxo puxo en perigo a unidade do sindicato, xa fracturado pola corrente crítica (próxima ao PCE) creada por Agustín Moreno nos noventa. Convencido por uns e outros de que o máis prudente era unificar as listas, Toxo cedeu o paso a Fidalgo e pasou a un segundo plano durante os seguintes catros anos. Así pois, Toxo nunca quixo despegarse da corrente oficial marcada por Gutiérrez, e que se caracterizaba por unha actitude dialogante co Goberno e a patronal, pero as circunstancias ou, máis ben, o deterioro da súa relación con Fidalgo, empurrárono. A súa alternativa non é tanto programática como de xestión da organización.
Toxo está absolutamente convencido de gañar. Segundo os cálculos preliminares da súa corrente, contarían con entre o 57% e o 60% dos votos. Os cálculos do sector oficialista (os que seguen a Fidalgo) tamén sitúan ao seu candidato perto da vitoria, aínda que cun máis modesto 52 ou 55 por cento. Fidalgo superou o 75% de apoios en 2000, cando sucedeu a Antonio Gutiérrez. Pero en 2004, partiulle a pata de Rodolfo Benito e baixou ao 58%. Agora perdeu a Toxo. A unión de todos contra Fidalgo ameaza moi seriamente o seu posto.
Regresar á esquerda
Parte das bases bota de menos un perfil máis nidio na ideoloxía política do sindicato. Toxo reiterou en numerosas ocasións que é "de esquerdas" aínda que defende a bandeira da independencia como sinal de identidade de CCOO. Hai uns días Marcelino Camacho, fundador do sindicato, reclamaba nunha entrevista en Público o carácter de esquerdas de Comisións: "Hai clases e loita de clases. Os patronos teñen intereses distintos ao noso e no sistema capitalista explótase aos traballadores", e ademais declaraba que Fidalgo "non é de esquerdas. É neutro". Cando Fidalgo gañou como 'tapado', en 2000, especulouse que a operación contaba co entusiasta apoio entre bambalinas do ex ministro de Traballo do PP Javier Arenas. Todos os ministros de Traballo do periodo de Aznar compiten en eloxios cara a Fidalgo, dende Arenas até Eduardo Zaplana.
Iso si, en ningún momento Toxo falou de dar un xiro ideolóxico brusco e reitera que a súa elección "non porá patas para arriba ao sindicato". Tampouco, por agora, é partidario de dar un golpe na mesa nin sacar aos traballadores á rúa. Toxo recoñece que só convocaría unha folga xeral se o Goberno amosase sintonía coas propostas da patronal, en especial sobre a redución das cotizacións á seguridade social ou a flexibilización do despedimento.
Os delegados galegos presentes no congreso non se decantaron en bloque por ningún dos dous candidatos: "Habería que preguntar un a un que é o que opinan", di un dos afiliados galegos. Iso si, o secretario xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Xan María Castro, vai apoiar a Fidalgo.
Izquierda Unida ameaza cunha folga xeral
O coordinador xeral de IU, Cayo Lara, apuntou este mércores que se o Goberno segue "sacando o diñeiro do peto dos cidadáns para metelo no dos banqueiros", en lugar de darllo ás pequenas empresas, "daranse as condicións para que os sindicatos decidan ir a unha folga xeral". Así o manifestou ante os xornalistas durante o congreso de CC.OO. e precisou que a folga serviría, non como un fin en se mesmo, senón para "dar un toque de atención" aos poderes económicos e políticos e dicirlles que "por aquí non imos a ningunha parte".