Os países membros do cártel decidiron reducir a cota de produción en 2,2 millóns de barrís diarios.
A organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) xa tomou a decisión. A caída de prezos do combustíbel levou aos membros deste cártel económico a aprobar un recorte histórico na súa produción, co obxectivo de inverter a súa tendencia baixista. A cifra anunciada é a de reducir en 2,2 millóns de barrís diarios dende a súa produción actual.
Na actualidade, a OPEP produce oficialmente 27,3 millóns de barrís (xa recortara a produción en 520 mil barrís en setembro e en 1,5 millóns en outubro) e esta é a maior redución dende 1982 e situará a posta de cru no mercado situarase en niveis de 2004.
Reaccións inmediatas
A noticia xa era agardada, polo que os mercados xa comezaron a reaccionar. Momentos despois de coñecer a decisión da OPEP, o prezo do petróleo xa comezou a resentirse. O barril de petróleo Brent, de referencia en Europa subiu 2,64 dólares, até 47,2 dólares; mentres, en Estados Unidos, o West Texas Intermediate (WTI) caeu 48 centavos, até 43,12 dólares o barril.