O grupo de 'Arquitectura Tradicional' do Flickr supera as dúas mil imaxes.
Airas, eiras, alpendres, alvarizas, batáns, capelas, casas, cerres, chozos, curros, fabricas de curtidos, ferrerías, fontes, fornos, hórreos, lavadoiros, muiños, oleiras, ouriceiras, palcos, palleiras, palleiros, pallozas, pendellos, pesqueiras, pombais, pontes, pontellas, pasadoiros, pozos, sequeiros, socalcos, telleiras, valados, petos de ánimas e cruceiros. Un país cun millón de topónimos, de microtopónimos, e cun millón de tesouros de pedra, algúns con séculos de historia e fundidos hoxe coa paisaxe.
Un grupo sobre arquitectura tradicional galega creado na rede social de intercambio de fotografías Flickr superou as dúas mil imaxes. A iniciativa, impulsada, entre outros, polo responsábel da web Cultura Popular de Sandiás, xa conta con 328 membros.
As imaxes recollen e documentan un país de arquitectos, que dende sempre soubo construír os espazos humanos con elementos funcionais pero dotados xaora dunha innegábel beleza e valor estético, vistos coa ollada actual. Uns elementos respectuosos co medio natural e hoxendía decote confundidos con el. Como escribiron os Ronseltz, Galiza, todo na miña terra é paisaxe excepto traxe, paxe e garaxe.