A Fed sinala que os tipos de xuro vanse manter "excepcionalmente baixos durante algún tempo".
Nun momento de extrema debilidade do contexto económico o coa ameaza de deflación á porta do escenario, a Reserva Federal dos Estados Unidos (Fed) anunciou este martes que os tipos de xuro quedan no abano de entre o 0% e o 0,25%. Unha situación inédita desde que o rexistro existe, na década dos 50 do século pasado, xa que nunca estiveran tan abaixo, e hai apenas medio ano que aínda estaban no 5,25%.
Ao fío da medida, o presidente estadounidense electo, Barack Obama, afirmaba na mesma xornada que a Fed está quedando sen a "munición tradicional" para enfrontar a actual situación de recesión económica no país. No mesmo día, o xa presidente en funcións George W. Bush dicía en conversa para as cámaras da CNN que o goberno tivo que "abandonar os principios da economía de mercado para salvar o sistema de economía de mercado". Xustificaba así Bush as inxeccións de diñeiro público nos sectores financeiro e do automóbil.