Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'EL ANDAMIO'

O filme que obriga a repensar a historia do cine galego

A recuperada película de Rogelio Amigo, de 1958, proxectouse no CGAI, acompañada do documental '50 años en el Andamio', dirixido por Ángel Rueda.

Marcos S. Pérez - 09:00 17/12/2008

El Andamio conta a historia de Juan, un obreiro da construción que morre ao caer do andamio. A partir de aí todo o filme é un longo flashback que comeza na Guerra Civil e que aclara os culpábeis da morte: os construtores, a falta de medidas de seguridade, a construción acelerada de novos edificios. Estamos a falar de 1958, do ecuador da ditadura, e dun filme que trata de xeito explícito a denuncia social dos obreiros. Un filme que retrata a Coruña que nacía, o barrio de Labañou, que se erguía entre as leiras, o transvase de poboación dende as zonas rurais até as urbanas.

Trátase do primeiro filme galego de temática social, o primeiro filme amateur sonoro de todo o Estado. Un filme tecnicamente impecábel prohibido pola censura franquista e do que, se ben se podían atopar referencias en libros e investigacións, levaba cincuenta anos desaparecido. Pero estaba, concretamente no faiado da casa de Antonio Docampo, o seu produtor. "A sorpresa foi maiúscula", di Ángel Rueda, "como tedes a película, se está perdida?", preguntáronlle.

Influencia do cine soviético e do Neorrealismo
A calidade do filme, realizada de xeito amateur por necesidade, pola ausencia dunha industria do cine, pero cunha calidade incontestábel, revela a existencia na Coruña dos anos cincuenta dunha cultura cinematográfica soterrada, descoñecida en gran parte. A recuperación desta película obriga a repensar unha parte da historia do cine en Galiza: "Sempre se di que o cine galego comezou nos anos setenta, pero xa nos anos cincuenta había cineclubes, onde asistían moitos afeccionados, e onde se proxectaban os filmes de Juan Antonio Bardem ou de Basilio Martín Patino, había moitas persoas gravando cousas en Super 8, persoas que en moitos casos coñecían as técnicas dos cineastas rusos, porque puideran ver eses filmes ou porque nas librarías ían conseguindo, en segredo, os libros dos autores soviéticos, e estudaban alí todas as súas técnicas. Hai que dar luz a todo ese período".

"O filme está moi ben rodado, ten técnicas moi avanzadas de montaxe, mesmo de montaxe en cámara, ten os escenarios e os temas do neorrealismo italiano, e ademais ten diálogos, ten son, tratándose da primeira película amateur sonora de todo o Estado. Isto conseguírono fabricando un mesturador de son caseiro, con pezas diversas que atoparon por aí". O filme gañou o primeiro premio na segunda edición do Festival de Cinema de San Sebastián en 1958. E tamén obtivo outros recoñecementos, como a medalla de prata no Certame do Cantábrico, en León; a medalla de bronce no Concurso Nacional de Barcelona, ou o Premio a Marisa Naya como mellor intérprete feminina no I Festival de Cinema Amateur do clube Urbis de Madrid.

Foi proxectada en cineclubes de todo o Estado e o propio Bardem chegou a vela mentres filmaba Sonatas na Lanzada, unha rodaxe na que Rogelio Amigo traballaba en prácticas. Nestes primeiros meses evitou á censura franquista, pero pouco despois, os seus éxitos puxeron á policía en alerta. O goberno ameazou aos irmáns Docampo, e a policía chegou a visitar ao propio Rogelio Amigo na súa casa, advertíndolle que se volvía proxectar a película, sería detido. E non se volveu proxectar, até este martes.

50 anos despois, de novo no andamio
O documental 50 años en el Andamio narra o proceso de procura e recuperación da película, que é tamén a búsqueda e recuperación do seu director, do que había anos que non se sabía nada. Atopárono en Madrid; dedicara toda a súa vida ao cinema, traballando como axudante de dirección de Bardem ou de Berlanga, é dicir, dos grandes; El Andamio servíralle como escaparate para poder traballar na profesión.

O documental tamén realiza unha relectura do filme, cincuenta anos despois. Ángel Rueda regresou aos mesmos escenarios nos que se filmou, como o barrio de Labañou. Falou cos seus veciños, falou con obreiros. Os problemas que denunciaba El Andamio seguen aí, acrecentados: falta de seguridade no traballo, precariedade, baixos salarios, especulación urbanística... "Eles fixeron unha denuncia en condicións moi duras, en plena ditadura; nós non podiamos ficar como simples espectadores do que fixeran. Por xustiza tiñamos que volver denunciar o mesmo que eles denunciaron".

Recuperar a memoria visual colectiva
Hai uns días anunciábase a cesión ao CGAI de máis de 50 horas de imaxes filmadas polo No-Do en Galiza. Pero había unha outra Galiza, cuxa imaxe só se conserva en filmes caseiros, moitos en super8. "Cómpre recuperar non só a memoria oficial, senón tamén a colectiva", di Ángel Rueda.

Na produtora Lili Films levan cinco anos traballando na recuperación de películas caseiras en super8, e até o de agora recolleron un total de cen horas de filme, nos faiados das casas e mesmo no lixo. "É un material moi pouco valorado, hai moita comuñón, claro, pero hai cousas moi interesantes; amosa a existencia dun tecido social, dun grupo de afeccionados ao cine que recolleron o que hoxe constitúe a única memoria visual de Galiza naqueles anos. Son lembranzas particulares, pero que o paso do tempo e a súa transcendencia histórica dotaron de interese xeral", di.

Dende hai uns anos, Lili Films conta para este traballo de recuperación co apoio do CGAI, "antes había moitas reticencia pola súa banda, pensaban que lles faciamos a competencia". Entre os filmes máis interesantes dos que dispón a produtora están unha serie de cartas de cine, que se enviaban entre os familiares separados pola emigración, "filman a súa aldea, aos veciños, a eles mesmos, son un documento dun gran valor hoxendía".


4,83/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: