Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'AS FLORES DO MAL', EN GALEGO

As flores que escandalizaron Francia

Gonzalo Navaza e Galaxia editan por vez primeira na nosa lingua a obra de Baudelaire, incluíndo mesmo os poemas que foron prohibidos en 1857.

Marcos S. Pérez - 11:20 21/12/2008

En xuño de 1857 Charles Baudelaire publicou a primeira edición de As Flores do Mal, inaugurando a poesía moderna. A poesía moderna naceu escandalizando, epatando a burguesía, e o libro foi condenado polo Tribunal de Xustiza de París, que multou a Baudelaire con 300 francos e prohibiu a publicación de seis poemas (As xoias, O Leteo, Para a que é alegre de máis, Lesbos, Mulleres condenadas. Delfina e Hipólita e As metamorfoses do vampiro). O xulgado entendía que "ultraxaban a moral e os bos costumes", argumentando que "as pezas incriminadas conducen necesariamente á excitación dos sentidos mediante un realismo groseiro e ofensivo para o pudor". E castigarche a carne donda,/ mancarche o seno perdoado/ facer no teu flanco asombrado/ unha ferida longa e fonda.

2007 foi o ano de redescoberta de Baudelaire en Francia; o sesquicentenario da publicación da obra trouxo homenaxes, antoloxías e traducións. Foi daquela cando Gonzalo Navaza comezou a traballar neste proxecto, que pola súa complexidade se adiou até este mes de Nadal. As Flores do Mal comprende case toda a súa obra poética entre 1840 e 1857; a segunda edición de 1861 eliminou os poemas censurados, pero engadiu 30 novos textos. A edición definitiva, póstuma, de 1868 recuperou os poemas prohibidos, así como os que se publicaron no libro Épaves, traducidos nesta edición como As crebas. Esta é a obra que se presenta por vez primeira en galego, os 151 poemas que con engadidos e descartes compoñen As Flores do Mal na súa totalidade. A coidada edición de Galaxia é candidata á mellor tradución do ano nos Premios da AGE.

Un complexo proceso de tradución
Traducir poesía é complicado. Un libro como este se cadra máis. Baudelaire entendeu este poemario como unha obra completa, un libro cun significado definido de comezo a fin, e non como unha simple recompilación de poemas, algo revolucionario no seu tempo e que influíu poderosamente en todas as obras posteriores. A estrutura e construción interna do libro e de cada un dos textos responde a unha estrutura moi consciente e traballada. Iso debe ser respectado. Baudelaire, ademais de poeta, foi tradutor. As súas adaptacións de Poe ao francés condicionaron en boa medida o lugar central que ocupa no canon literario universal. Navaza escribe no epílogo da súa tradución que "o sometemento ás convencións do ritmo, da estrofa e da rima funcionan conscientemente cono un estímulo xerador do desenvolvemento autónomo do poema, segundo unha concepción do proceso creativo que garda estreito paralelismo coa 'filosofía da composición' exposta polo seu admirado Poe".

Esta tradución é especialmente complicada pola musicalidade e o ritmo imprimidos orixinalmente por Baudelaire ao texto, que Navaza respecta, e pola opción de manter a rima en todo momento. "A fidelidade na tradución atinxe a cuestións formais", di Navaza, que engade que "eu non era partidario das traducións rimadas; basta con que o texto non flúa o resultado queda ridículo. Pero mudei a miña opinión". Navaza afirma que "en certa forma esta é unha tradución arqueolóxica. Intentei facelo como se traduciría no mesmo século XIX. A nosa referencia é Darío Xohan Cabana e as magníficas adaptacións que fixo de clásicos italianos". Navaza asume para a súa tradución unha das premisas expostas por Baudelaire para a arte poética: "Ningún poema será grande, nobre, dogno do nome do poema, se non se escribiu unicamente polo simple pracer de escribir un poema". Navaza conclúe como valoración global do seu traballo: "todos ou a maior parte dos resultados poden sen reparos denominarse traducións, aínda que de vez en cando algúns versos esvaran cara á imitación ou a paráfrase", na nomenclatura empregada por Julián del Casal.

Jaime Siles vén de publicar unha nova tradución de As Flores do Mal ao castelán, que segundo Navaza "segue outros criterios". "Eu apoieime noutras traducións a linguas romances, como as de Fernando Pinto de Amaral e do brasileiro Iván Junqueira ao portugués, a de Gesualdo Bufalino ao italiano, e a de Jordi Llove", di.

Escandalizar o burgués
Conscientemente convencional e clásico na forma, e radical no contido. Moi poucos anos despois recibiu críticas dos seus contemporáneos polo carácter conservador do seu estilo. Mais si é revolucionario nas súas temáticas. O libro destaca pola súa vontade de buscar a beleza onde convencionalmente non está, a toda repugnancia lle atopamos un xeito. No libro está presente de continuo a vontade de escandalizar, de épater le bourgeois como principio estético. Afogarei rancores coa succión/ de nepentas e da cegude amante/ nos botóns dese peito engaiolante/ que xamais albergou un corazón. As flores do mal é un texto luminoso, vizoso, sensual, unha análise do pecado.

Moitos dos poemas aparecidos no libro xa foran publicados en diversos xornais sen penalización ningunha. Pero Baudelaire participara na revolución de 1848, o que o deixou marcado publicamente. "Era a época da Restauración", di Navaza, "cunha moral moi retrógrada e moi hipócrita; pasou o mesmo con Flaubert e décadas máis tarde aquí con Curros". Incomprendido pola censura, illado, comezou a escribir un ensaio sobre Madame Bovary; dérase a coincidencia de que Baudelaire e Flaubert foron xulgados case ao mesmo tempo polo mesmo tribunal, ambos os dous acusados de inmorais.

Baudelaire conclúe no primeiro dos poemas do libro que non hai maior pecado que o fastío: Hai un máis feo aínda, máis cruel, máis noxento! (...) É o fastío! (...) Un refinado monstro, lector, ben o coñeces/ hipócrita lector, meu igual, meu irmán. Un dos temas principais do poemario é a crítica á hipocrisía da sociedade. Baudelaire respondeu ás críticas escribindo que "Todos os imbéciles da burguesía que pronuncian as palabras inmoralidade, moralidade na arte e demais parvadas recórdanme a Louise Villedieu, unha puta da cinco francos, que unha vez me acompañou ao Louvre, onde ela nunca estivera e empezou a arroibar e a tapar a cara. Tirándome a cada momento da manga, preguntábame diante das estatuas e cadros inmortais como podían exhibirse publicamente semellantes indecencias".


4,7/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: