A Xunta volveulle encargar a coordinación dos comicios parlamentarios á empresa viguesa Netglobal.
As eleccións ao Parlamento do 1 de marzo serán as primeiras no país nas que funcione o chamado "voto accesíbel". Será un procedemento que permitirá identificar a opción de voto das persoas cegas ou con discapacidade visual grave, con autonomía e plena garantía do segredo do sufraxio.
Iso será posíbel mediante o uso dunha documentación complementaria en sistema Braille que acompaña as papeletas e os sobres de votación normalizados. A documentación en Braille entregaráselles ás persoas votantes con discapacidade visual o día da votación no seu colexio electoral, sempre que o solicitase no prazo estabelecido.
O Goberno escolleu a empresa viguesa Netglobal para o asesoramento na planificación, organización, execución e control do proceso electoral. A firma, participada por Caixanova, terá que garantir o voto de 2.637.000 persoas censadas, das que o 12,6% están no exterior. Tamen deberá velar polo desenvolvemento normal do proceso en 2.700 colexios electorais.
Así, terá que habilitar transporte institucional gratuíto, duns 500 vehículos, para facilitar a accesibilidade da cidadanía ás urnas, e consumiranse 97 toneladas de papel entre papeletas, sobres e documentación das mesas electorais.
Netglobal xa se encargara de coordinar as eleccións galegas de 1997, 2001 e 2005, ademais das das Illas Baleares de 1999 e 2003 e das municipais de Santiago de Compostela en 1999.