India, China, Congo, Bangladesh, Indonesia, Paquistán e Etiopía son os sete países que acollen a maior parte dos 963 millóns de habitantes subalimentados do mundo.
Unha de cada tres persoas que vive na África subsahariana está subalimentada. Isto é, 236 millóns de habitantes, un 25% do total dos 963 millóns con fame crónica que se rexistraron no mundo en 2007, segundo o informe anual da Organización para a Alimentación e o Agro da ONU (FAO, nas súas siglas en inglés).
A cifra global vai camiño dos mil millóns, logo de que se producise un novo aumento con respecto a 2006, cando se calculaba que había 923 millóns de persoas subalimentadas. O incremento no prezo dos alimentos é a principal causa desta suba, considera a FAO, que advirte que actual crise financeira podería levar a máis fame e pobreza entre a poboación planetaria.
Do total, arredor dun 65% vive en só sete países: India, China, República Democrática do Congo, Bangladesh, Indonesia, Paquistán e Etiopía. Precisamente, o Congo é un dos territorios onde se produciu o incremento máis drástico dun ano a outro, aínda que a FAO salienta os progresos conseguidos deica 2007.
Desenvolvemento agrícola
No outro extremo sitúase Ghana, o único país que cumpriu cos obxectivos marcados na Cimeira Mundial da Alimentación (Declaración de Roma de 1996) e cos Obxectivos do Milenio. "O aumento e desenvolvemento na produción agrícola foi clave" apunta a FAO.
Centos de subsaharianos morren anualmente tentando chegar ás costas de Europa, fuxindo da pobreza e da fame que existen nos seus países de orixe por diversos motivos, moitos relacionados coa explotación dos seus recursos por parte das compañías europeas e doutras potencias económicas como Estados Unidos ou China.