Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN PONTEVEDRA

Cantos na Maré deixou pequeno o Pazo da Cultura

Waldemar Bastos, Sara Tavares, Paulinho Moska, Sérgio Godinho, Xabier Díaz e Uxía ofreceron unha actuación de máis de dúas horas.

Redacción - 11:00 15/12/2008

Nesta edición de Cantos na Maré chamaba a atención a diversidade dos artistas: dende o Paulinho Moska e a súa música popular brasileira lindando co rock, até as melodías atlánticas da caboverdiana Sara Tavarés, a canción de autor de Sérgio Godinho, a voz de Uxía e Xabier Díaz, ou a tradición africana de Waldemar Bastos. O público agradeceuno. Un Pazo da Cultura totalmente ateigado vibrou durante máis de dúas horas cos artistas, que ofreceron un espectáculo redondo, despois de dous días de ensaios.

Sara Tavares foi se cadra a gran protagonista desta edición. Chegaba precedida polo éxito internacional do seu álbum Balançé, e namorou aos asistentes coa súa voz, amosando unha gran complicidade con Uxía, con quen interpretou a dúo As Nosas Cores, un tema do último disco da, Eterno Navegar. Tavarese cantou entrou outros temas Lúa Chea, e afirmou sentirse chea de luz e de amor nesta terra.

Coa mestría de quen leva 33 anos enriba do escenario, Sérgio Godinho, un dos artistas máis importantes na escena musical portuguesa, achegounos a Portugal con temas como Só Neste País ou Fotos de Fogo. Leva tres décadas sendo un dos artistas favoritos da crítica lusa, apesar de non obter sempre o correspondente éxito comercial, sendo autor de algunhas das cancións mais aclamadas da historia da música portuguesa, como É terça-feira e Com um brilhozinho nos olhos. Mentres, Waldemar Bastos trouxo a Galiza os ritmos africanos e o latexo do seu país, Angola. Cunha voz conmovedora e arrepiante soubo transmitir emocións intensas que chegaron directamente ao corazón do público con cancións como Muxima.

Paulinho Moska dixo sentirse emocionado por ter vivido esta experiencia e afirmou que "é un pracer poder falar portugués tan lonxe da miña terra". O venres, durante os ensaios, manifestou a súa sorpresa pola descuberta das cantigas medievais galego-portuguesas. O artista brasileiro ofreceu temas como A Moeda dun lado só ou Sen Dizer Adeus. A afinidade e admiración recíproca con Xabier Díaz reflectiuse enriba do escenario ao cantar xuntos Lágrimas de Diamantes, un tema de Paulinho co que lograron un dos momentos máis intensos da noite.

O espectáculo rematou con todos os artistas riba do escenario cantando Balançé, o maior éxito do último disco de Sara Tavarés. A seguir, Uxía despediu a sexta edición de Cantos, para pechar definitivamente a actuación, como ven sendo habitual, interpretando Cantos na Maré.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: