Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O NOSO TABOLEIRO

"O Vaticano está lexitimando o martirio e a erradicación da poboación homosexual"

Achegamos o manifesto das Redes Cristiás, ante a oposición do Vaticano á despenalización universal da homosexualidade como delicto.

Redacción - 09:00 15/12/2008
Tags:

O Vaticano manifestou a súa oposición á proposta que presentará Francia ante a ONU o próximo 10 de decembro para a despenalización universal da homosexualidade, en nome dos 25 países da UE. Ante esta actitude, desde Redes Cristiás queremos manifestar canto segue:

1º Con esta actitude, o Vaticano, que se alza como representante da Igrexa católica mundial, está aceptando como válida a persecución, a tortura e o asasinato das persoas homosexuais no mundo. Desta forma alíñase con aqueles réximes políticos que reprimen a poboación homosexual por medio da detención, do encarceramento e da condena á morte, xustificando todo isto como defensa da pureza da relixión.

2º Consecuentemente, o Vaticano está lexitimando o martirio e a erradicación da poboación homosexual, da mesma forma que lexitimou, en épocas recentes, outros réximes represores en Europa e América Latina principalmente. Denunciamos con firmeza esta presión do lobby clerical que fomenta a violencia cara ás persoas homosexuais en todo o mundo.

3º O Vaticano, de forma irracional e inmisericorde, desprestixia a toda unha institución mundial como é a Igrexa católica que garda a memoria de Xesús e despreza o Pobo de Deus, a quen en teoría debería servir con humildade. E o que é peor, oponse á mensaxe de amor e compaixón de Xesús de Nazaré que non quixeron escoitar os poderosos do seu tempo e por iso, matárono.

4º Como cristiáns e cristiás, sentímonos escandalizados ante semellantes manifestacións de odio dirixidas cara a un sector concreto da poboación, neste caso, as persoas homosexuais. Posiblemente xorden do medo e da frustración propia da xerarquía católica ante a deriva dunha sociedade cada vez máis librepensadora e secularizada e que progresa cara á igualdade, sen distinción, de todas as persoas. Desta forma, o Vaticano, xunto coa xerarquía católica que obedece, convértese nunha institución represora e castigadora onde xorden novos inquisidores, instalándose en épocas anteriores xa superadas pola sociedade.

5º Como cristiás e cristiáns non temos outra saída que rebelarnos ante semellante barbaridade e condenar abertamente esta postura unilateral do Vaticano, porque cae fóra de toda lóxica cristiá e en absoluto transmite beneficio ningún á sociedade.

6º Para rematar, manifestamos o noso apoio indiscutible á proposta que se vai a presentar na ONU o próximo 10 de decembro e pedimos aos gobernos europeos que a defendan e fagan efectiva. Así mesmo, pedimos ao Goberno español que manifeste a súa desconformidade co Vaticano e aplique medidas legais ante quen, desde o púlpito, segue fomentando actitudes de odio e violencia cara ás persoas homosexuais entre a poboación española.

Redes Cristiás, 3 de decembro de 2008


4,25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: