Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ESTUDA AS FIBRAS QUE COMPOÑEN CADA MÚSCULO

O Xacobeo sobe ao carro da investigación deportiva

A Universidade de Vigo realizou un estudo en profundidade a cada un dos ciclistas coa intención de emitir recomendacións de traballo individualizadas.

Redacción - 20:50 13/12/2008
Búscase mellorar a saúde do deportista mesmo logo de se retirar

Búscase mellorar a saúde do deportista mesmo logo de se retirar

O Xacobeo non deixa de traballar na preparación do vindeiro ano e, nesta liña, decidiu ampliar os eidos de traballo con vistas a mellorar o rendemento e tamén a saúde dos seus deportistas. Con esta intención traballou as pasadas semanas en colaboración co grupo de investigación HI-22, pertencente á Faculdade de Ciencias da Educación e do Deporte, da Universidade de Vigo. O traballo consistiu en probas realizadas mediante estímulos eléctricos, coas que se avaliou o equilibrio dos grupos musculares, para así poder realizar recomendacións individualizadas.

O estudo estivo dirixido por Xosé María Cancela Carral, decano da Faculdade; coordinado por Óscar García; e supervisado polo preparador físico do Xacobeo, Roberto Carballido. Este traballo é pioneiro a nivel nacional, e con el o Xacobeo conforma unha das maiores bases de datos existentes dentro do ciclismo estatal.

Os resultados permitirán mellorar o rendemento dos ciclistas e tamén traballar na prevención de posíbeis lesións. Este aspecto ten especial importancia, xa que se pretende que os datos acadados permitan mellorar a saúde do deportista incluso despois de rematar a súa carreira profesional, evitando posíbeis secuelas.

O estudo é o primeiro paso dun convenio de colaboración entre a universidade e o equipo ciclista, que se atopa agora en fase de xestación. Este acordo permitiría ao equipo ciclista seguir traballando na optimización do seu traballo e á universidade ampliar a súa base de datos referentes ao deporte de elite.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: