Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FRAN ALONSO, ESCRITOR

"A automoción e a banca reciben moitas máis axudas públicas cá cultura"

En 'Un pais a medio facer' o novelista e editor bota a vista cara a atrás, para analizar a evolución da cultura galega nos últimos vinte anos.

Marcos S. Pérez - 09:00 15/12/2008

No Cultur.Gal, que se celebrou a pasada fin de semana, a cultura galega amosou o seu músculo, unha produción vizosa en número e que xa cobre todos os sectores, dende a literatura ao videoxogo, pasando polo audiovisual e a música. Unha realidade moi distinta á que podía haber noutrora. Hai vinte anos Fran Alonso era un xornalista novo, de 26 anos, que dirixía a sección de Cultura do Diario 16 de Galicia. Alí publicou entrevistas con Manuel Rivas, Suso de Toro, Xosé Cid Cabido, Alfonso Pexegueiro, Antón Reixa ou Xose Luís Méndez Ferrín. Unha foto fixa da cultura galega dacabalo dos oitenta e os noventa; unha produción vizosa en calidade, pero sen industria, con números cativos e xirando sobre si mesma, unha casa con alicerces mais sen recebar, un país a medio facer.

En Un país a medio facer (Xerais) o vicepresidente da Asociación de Editores recolle esas entrevistas, mais catro textos máis, reportaxes realizados recentemente sobre Marful ou Carlos Blanco. Outro país, outra cultura.

Segue a medio facer o país?

Hai un salto moi grande entre un país a medio facer, o país de hai vinte anos, e o país de agora, un país que parece normal, aínda que non o sexa realmente. Por iso penso que a ese lema de Vieiros aínda lle queda moito traballo por diante. Está claro que houbo unha evolución moi significativa para a cultura galega. Pero está claro tamén que segue habendo moitos problemas, principalmente coa plataforma que emprega a cultura galega, que é a lingua. Mentres a lingua galega non estea normalizada, a cultura galega non o estará tampouco.

A normalidade é unha simulación ás veces?

Moitas veces facemos que si, que vivimos nunha cultura, facémolo por necesidade creativa, pero é unha ficción. Outras veces non, temos que reclamar que a situación non está normalizada. No traballo creativo isto é moi evidente ás veces, por exemplo na literatura cando escribimos ficción. Nunha novela galega, todos os diálogos son en galego, aínda que na realidade non sexa así, pero na ficción hai que manter esas pautas de normalidade. Pero a creación débese ao seu tempo, e o diálogo que estabelece con ese tempo implica evidenciar o que pasa.

Segue a cultura galega obsesionada polas súas ausencias, por encher ocos. Ou xa se dedica a crear, unicamente?

Ese é o salto máis significativo. Nos anos 80 e 90 a cultura galega estaba movida principalmente por forzas externas. Agora son máis importantes as dinámicas internas. Daquela a Industria Cultural galega, que non existía, pero o que daquela podíamos identificar como tal, buscaba a normalidade desesperadamente. Agora a situación é distinta, a cultura galega fortaleceuse e hai unha aposta por unha cultura de calidade, sólida e referenciada en si mesma, aberta a todo o que ocorre no mundo, pero non desesperadamente aberta, senón de xeito máis natural.

Á cultura galega quédalle agora conectar cun público masivo, como fan os produtos culturais de Madrid ou os anglosaxóns?
Non creo que sexa tanto un problema de conectar co público. O público está máis cerca da cultura porque dialogamos máis coa sociedade. Hai vinte anos a literatura galega buscaba superarse dun xeito un tanto autista, sen escoitar á xente. Eu creo que o problema agora é de visibilidade: o pobo galego ten que ser capaz de valorizar a súa propia cultura, defendela con orgullo. Estamos vendo que moitas veces as cousas triunfan aquí cando triunfan fóra, o que revela unha anomalía: a incapacidade dos galegos para valorarnos a nós mesmos.

Hai un problema no soporte lingüístico da cultura. Por estar en galego, os nosos produtos culturais viven agochados, ocupan un espazo marxinal nas bibliotecas, nas librarías e nos medios de comunicación. Os medios galegos incorren nunha contradición, considerando allea unha lingua na que fala unha gran parte do seu público. Esa é unha das razóns para que as obras galegas teñan tantas dificultades para se converter en fenómenos de masas. Pero hai excepcións, en función dos autores, e niso estamos achegándonos ás culturas que funcionan dun xeito normal, nas que as vendas van en función de certos autores. E aí están os 79 mil exemplares que vendeu en galego O lapis do carpinteiro, ou o éxito de Nordestin@s ou de Carlos Blanco.

Gañáronse moitas cousas nestes vinte anos. Perdeuse algo? Algo da rebeldía que se percibe nas entrevistas a Suso de Toro, Rivas ou Xelís de Toro?
Somos quizais un pouco máis politicamente correctos, vivimos nese tempo. Perdemos, quizais, esa capacidade para agredir. Pero eu creo que o máis importante que se perdeu foi a capacidade de crear un estado de conciencia en defensa da lingua galega, daquela, cando a sociedade estaba máis aberta a iso. Non é que non o estea agora, pero agora hai certos sectores moi agresivos en contra do galego. Son minoritarios e a sociedade non se identifica con eles, pero teñen nos medios un grande altofalante. Os medios de comunicación galegos viven de costas á realidade do país. E o tema da lingua, ademais, é axitado politicamente porque é rendíbel.

Cal é o camiño para fortalecer a lingua galega?
O máis importante sería que houbese unha capacidade de liderado en defensa da lingua. E tamén eliminar esa idea de que a cultura galega é unha cultura subvencionada. Moito máis cando vemos sectores, como a automoción e a banca, que proporcionalmente reciben moitas máis axudas públicas cá cultura. Temos que acabar con esa visión e demostrar con calidade que a nosa cultura chega lonxe. Cómpre neutralizar o discurso de Galicia Bilingüe, e ese debería ser un cometido fundamental dos medios de comunicación públicos. Deberían explicar cal é a situación real da lingua, quen está realmente discriminado. Porque son un medio público e porque usan o soporte da lingua.

Que valoración fas dos medios de comunicación públicos, en especial da TVG?
A TVG ten unha actitude de evasión, completamente, fronte á Radio Galega, que si ten un compromiso coa cultura. A televisión adoptou un papel mimético cos medios privados estatais. Vímolo no Cultur.Gal, por exemplo, e vémolo continuamente na programación, en como relegan os programas culturais á madrugada.

Como se titularía un libro escrito dentro de vinte anos sobre a evolución da cultura galega neste tempo que vén?
`O país que facemos`, por exemplo. Un título con optimismo que recollese os éxitos da cultura galega.


4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: