O goberno retira tódolos produtos derivados do mercado tras atopar pensos contaminados.
A Food Safety Authority de Irlanda (FSAI) vén de ordenar a retirada de tódolos produtos porcinos de orixe irlandés do mercado tras atopar niveis elevados da dioxina PCB en pensos distribuídos a 47 explotacións gandeiras do país.
O goberno recomenda que tódolos produtos de orixe porcino producidos dende setembro sexan destruídos, xa que o nivel de PCB é entre 80 e 200 veces mais alto do normal. Aínda que o penso contaminado procedente dunha fábrica no condado de Carlow tamén foi distribuído a granxas de vacún, os produtos de tenreira non serán retirados, segundo o FSAI.
Como resultado, o goberno ten restrinxido o movemento de animais en 30 explotacións do país e o sector porcino está parado polo momento, provocando unha crise no sector gandeiro do país. Dende que se anunciou a retirada dos produtos, 1.600 traballadores do sector foron despedidos e o sindicato SIPTU estima que un total de 6.000 traballadores perderán os seus postos de traballo como resultado desta crise sanitaria.
A Comisión Europea estima que 12 países da Unión Europea (Italia, Alemaña, Países Baixos, Polonia, Suecia, Dinamarca, Bélxica, Estonia, Reino Unido, Francia, Portugal e Chipre) e 9 países de fóra da UE (Xapón, Rusia, Singapur, EUA, Canada, Suíza, China, Hong Kong e Corea) teñen importado produtos porcinos de Irlanda que poderían estar contaminados.
O uso de PCBs foi prohibido pola UE en 1979. A dioxina é perigosa para a saúde humana se a persoa está exposta a esta dioxina durante longos períodos de tempo.