Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia dos traballadores

Ingresan 242 mil euros para crear 4 empregos e aproveitan para suprimir 150

Unha construtora coruñesa é acusada pola CIG de usar axudas públicas dun programa de reindustrialización para financiar un despido masivo.

Redacción - 09:00 11/12/2008

O caso está protagonizado pola construtora Eshor, con sede en Fene. En 2008, a empresa accedeu a unha inxección de cartos públicos no marco do programa de reindustrialización para Ferrolterra, o Plan Ferrol. Co compromiso de crear 4 postos de traballo para unha planta de fabricación de pezas de formigón polímero, a instalar no Concello de Cabanas, ingresou 242 mil euros.

En convocatorias anteriores xa recibira outras axudas do Ministerio de Industria, solicitadas ben a través da empresa principal ou desde outras compañías inseridas no mesmo grupo empresarial. Coa promesa de 7 postos de emprego para unha máquina concreta recibiu 31 mil euros en 2007, e asegurando a creación doutros 8 empregos, ingresou en 2006 dúas axudas respectivas de 129 mil e 169 mil euros. Así, suma en créditos recibidos desde o goberno español, un total de 572 mil euros. No último exercicio, a empresa pechou contas cunha facturación de 54 millóns de euros e un equipo de 600 persoas.

Paradoxalmente, e apenas un mes despois de ingresar os últimos 242 mil euros, Eshor presentou ante a delegación provincial da Consellaría de Traballo un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de extinción que implica o despedimento de 150 traballadores dos 352 que conforma o equipo. A empresa xustifica a iniciativa argumentando que "carece de obra nova para 2009". Co fío destes números, a CIG considera que se podería probar que existiu "mala fe" por parte da construtora. "Pretenden conseguir a axuda do Ministerio para indemnizar os traballadores que causan baixa no ERE presentado", denuncian.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: