O secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, afirma que a súa existencia é moito máis necesaria agora ca en 1948. Vídeo no interior.
"Ninguén será torturado" (art. 5)
"Todos os seres humanos nacen libres e iguais (art. 1). Todas as persoas teñen todos os dereitos sen distinción de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión, orixe nacional ou social, posición económica ou nacemento, sen distinción da xurisdición do territorio do que dependa (art. 2). Todo o mundo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade (art.3). Ninguén será escravizado (art. 4). Ninguén será torturado (art.5)".
Estes son os cinco primeiros artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH) que hai 60 anos, o 10 de decembro de 1948, adoptaba en París a Asemblea Xeral da ONU. O texto, inspirado na Declaración francesa dos Dereitos Humanos e do Cidadán de 1789 e na Declaración de Independencia de EUA de 1776, aprobárono os daquelas 58 Estados membros da Asemblea Xeral, coa abstención da Unión Soviética, dos países de Europa do Leste, de Arabia Saudita e de Suráfrica.
A DUDH xurdiu como resposta ao traumatismo que provocou a Segunda Guerra Mundial e o xenocidio nazi, e céntrase na defensa dos dereitos individuais das persoas. Os gobernos dos países socialistas sempre defenderon a inclusión dos dereitos colectivos na Carta dos Dereitos Humanos, que dende 1966 está conformada por outros dous pactos aprobados pola ONU.
A DUDH inspirou o dereito internacional dende o seu nacemento: As convencións internacionais de 1979 contra a discriminación das mulleres, de 1984 contra a tortura, de 1990 polos dereitos dos nenos, a creación do Tribunal Penal internacional. No entanto, a día de hoxe, tanto a DUDH como as convencións posteriores fican moi lonxe de se cumprir.
Neste senso, o secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, declarou que a DUDH é moito máis necesaria agora ca en 1948. Numerosos actos e manifestacións están previstos para esta cuarta feira en todo o mundo, en particular en París, onde terá lugar unha cerimonia oficial con representantes da ONU, da Comisión Europea, e de ONGs.