Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Día Internacional dos Dereitos dos Animais

O Estado incumpre a normativa sobre as condicións do gando durante o transporte

A UE abriulle un expediente hai pouco máis dun mes por este motivo. Asociacións en defensa do benestar animal consideran que Galiza corrixiu outras deficiencias.

Fernando Arrizado - 10:45 10/12/2008
Os porcos poden ser transportados durante 24 horas seguidas

Os porcos poden ser transportados durante 24 horas seguidas

A Comisión Europea considera que o Estado Español "non está a controlar axeitadamente as condicións en que transporta o gando e estanse a producir problemas que afectan ao benestar animal".

A Oficina Veterinaria e Alimentaria da UE (FVO, nas súas siglas en inglés) elaborou varios informes ao longo de todo o ano, froito das inspeccións realizadas nalgúns puntos do Estado.

En base a estes datos, Bruxelas informou hai unhas semanas as autoridades españolas de que decidiu abrirlle un expediente por este motivo, que podería resultar sendo sancionador de non se corrixiren as deficiencias detectadas.

Concretamente, os veterinarios constataron "carencias" no cumprimento da normativa europea ao respecto da duración dos traxectos, así como deficiencias nas instalacións dos camións para que os animais teñan acceso á auga.

As inspeccións e a apertura do expediente veñen precedidas dunha intensa campaña desenvolvida por asociacións proteccionistas que alertaban deste incumprimento, e implicaban a todas as administracións do Estado, tamén as autonómicas.

No documental Forbidden Journeys (Viaxes prohibidas -a súa visualización no Youtube está restrinxida), sobre o transporte de animais na UE, denunciábase esta ilegalidade. No vídeo incluíanse imaxes gravadas pola organización Animals' Angels en outubro de 2006 e marzo de 2007 en varios matadoiros de Galiza.

Matadoiros galegos

Porén, hai poucos días, tanto esta asociación alemá de ámbito internacional como a Asociación española para a Defensa dos Animais (ANDA) emitiron un comunicado conxunto sinalando que os problemas de protección animal reflectidos nesas imaxes "foran resoltos pola Xunta".

Salientan, ademais, a participación do Goberno nun curso de formación para veterinarios e traballadores de matadoiros. "Consideramos, polo tanto, que as autoridades rexionais da Xunta de Galicia camiñan na dirección correcta", sinalan.

No entanto, a propia industria recoñece que o transporte de gando é a etapa máis estresante e perigosa en toda a cadea de operacións entre as granxas e o matadoiro: un mal traslado, din, pode repercutir nunha perda significativa da calidade da carne.

Sufrimento animal

A maioría das medidas destinadas a protexer cuxos, vacas ou outros animais de consumo realízanse co fin de que non sufran feridas ou contusións que escurezan a carne.

A normativa vixente permite que os porcos viaxen 24 horas seguidas, ou que as ovellas o fagan durante 14, paren unha para descansar, e prosigan 14 máis.

Un sufrimento que se podería aliviar transportando as pezas mortas e conxeladas, tal e como defenden moitas asociacións proteccionistas.

Mais diversas circunstancias económicas como a centralización dos matadoiros ou a produción industrial da carne obrigan a desprazar os animais moitos quilómetros durante moitas horas para os sacrificar.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Trailer' do documental 'Earthlings' (en inglés), narrado polo actor estadounidense Joaquin Phoenix

A normativa europea estabelece unha serie de requirimentos para o transporte de animais (clique para ampliar)
A normativa europea estabelece unha serie de requirimentos para o transporte de animais (clique para ampliar)