Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TEATRO AFECCIONADO

O festival dos que aman o teatro

Seis compañías galegas achegarán as súas propostas no Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán. Até o domingo en Compostela.

Redacción - 14:00 09/12/2008


A cousa é así. Está no mesmo nome do teatro amateur ou amador, os que aman o teatro. Todo o ano ensaiando, memorizando o texto, axundando mesmo na preparación do escenario, roubándolle horas ao traballo, aos amigos, á familia. Por amor. Van xa sete anos que a Fegatea (Federación Galega de Teatro Amateur) puxo en marcha o Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, o actor e director compostelán falecido en 1998 despois de toda unha vida dedicada á escena, e despois de poñer en marcha hai case cincuenta anos a compañía Ditea.

O Festival comeza este martes, e todas as súas representacións (até o domingo) terán lugar na Aula de Cultura Caixa Galicia ás nove da noite, todas con entrada de balde. O teatro afeccionado é a base do teatro, e sobre todo constitúe un alicerce fundamental na creación de público. Amais de incentivar á cidadanía a participar na creación de espectáculos teatrais, sexa a través da interpretación, da técnica ou mesmo da creación de textos, é un auténtico imán á hora de atraer o público local.

O programa, obra a obra
A compañía que inaugura o festival é a máis antiga das agrupacións de teatro afeccionado do Estado que seguen en activo: Teatro de Cámara Ditea botou a andar, precisamente da man do dramaturgo e director Agustín Magán, no 1960 en Compostela. O feito de xogaren na casa sempre supuxo un cheo total, como aconteceu nas funcións de Melocotóns en xarope, de Miguel Mihura, que deron no Teatro Principal compostelán e no Salón Teatro. Agora agardan repetir o éxito con Aquí cheira a morto, adaptación dunha comedia de Alfonso Paso dirixida por Xan Casas, que será a apertura do Festival, o martes 9.

O día seguinte chegan dende Gondomar Vichelocrego Teatro, uns habituais do festival, presentan Spot, unha compilación de 13 pequenas pezas cómicas, escritas por Carles Alberola e Roberto García, con dirección de Marga Cachaza, en que se reflicten algúns tópicos da publicidade aplicados á vida cotiá de xeito humorístico.

Xa o xoves 11 a luguesa Nova Escena Teatro, que tamén recunca no festival, presenta Pensión 13, de Xoán C. Laxe, con dirección de Mario T. López, unha comedia negra en que as biografías dos personaxes tecen unha reflexión sobre as motivacións daquelas persoas invisíbeis que a sociedade chama "marxinais".

O venres 12 chega un clásico do teatro hispano: Antonio Buero Vallejo, con Bágoas de Noitébrega interpretado pola viguesa Atrezo Teatro, baixo a dirección de Chelo Pampillón: trátase dunha guerra entre dous bandos... dentro do mesmo fogar.

O sábado 13 O aturuxo de Melpómene, de Narón, achega ás táboas compostelás o seu espectáculo Cometa, cometa..., escrito e dirixido por José L. Prieto Roca, unha comedia sobre as reaccións de once personaxes perante o inminente impacto dun cometa sobre o lugar en que viven.

Por último, o domingo 14 Carfax Teatro, de Arteixo, atrévese con textos da impactante Sarah Kane e pon sobre a escena O cuarto do príncipe, con dirección de Manuel Lourenzo. É a historia dun rapaz que chega ao pazo do príncipe. A súa experiencia con el será tan dramática como a que el vive con Fedra, a súa madrasta. Recupérase un mito da antigüidade a través do In Yer Face Theatre, a dramaturxia británica que dende os 90 revolucionou a escena mundial.


5/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O aturuxo de Melpómene
O aturuxo de Melpómene
Teatro de Cámara Ditea
Teatro de Cámara Ditea
Vichelocrego Teatro
Vichelocrego Teatro
Nova Escena Teatro
Nova Escena Teatro
Atrezo Teatro
Atrezo Teatro