O Centro Galego organiza excursións pola xeografía catalá, a primeira foi a tocar de Barcelona, pola serra de Collserola, e a segunda será polo municipio de El Papiol, este sábado.
Dentro do proceso de afianzamento e renovación das múltiples actividades que organiza o Centro Galego de Barcelona, no mes de outubro encetou unha nova actividade chamada "Camiñantes". Tratábase de organizar unha camiñada cada mes polos arredores de Barcelona ou por lugares de fácil acceso para todas as persoas, socios e non socios, que lles guste o contacto coa natureza. Os percorridos programados son de dificultade media-baixa e de 10 a 15 km.
A primeira camiñada realizouse pola serra de Collserola, desde Torre Baró ata case o final de Diagonal, onde os camiñantes colleron o metro para volver á casa. Foron uns 15 km de dificultade baixa. Durante todo o percorrido gozaron dunhas impresionantes vistas que abranguen desde máis alá da comarca de El Maresme ata practicamente a localidade de Sant Joan Despí, e pola outra banda puideron percibir as primeiras montañas nevadas do Prepirineo catalán, a montaña de La Mola, a serra de Montserrat ou a vila de Sant Cugat del Vallès.
A segunda camiñada está programada para o sábado 13 de decembro e será pola zona de El Papiol, cunha lonxitude duns 10 km e de dificultade baixa. A saída será desde a Estación de Sants ás 8.30h. Os interesados en participar deberán inscribirse antes do 11 de decembro no Centro Galego de Barcelona en horario de 17 a 22 h de luns a domingo ou chamando ó 93 3012892.
Camiñada por El Papiol organizada polo Centro Galego de Barcelona
Organiza: Dolores Dopazo
Guía: Xosé Carlos Conde
Data: Sábado 13 de decembro
Lonxitude: 10 km.
Horario: de 9.30 a 15 h. (30 min. de descanso)
Saída: estación de Sants ás 8.30 h (puntualidade necesaria) na entrada da cafetería Arts. Alí colleremos o tren ata El Papiol onde iniciaremos a camiñada. A volta farase da mesma maneira.
Nivel de dificultade: baixa
Ritmo: lento e tranquilo
Inscrición: Ata o 11 de decembro no Centro Galego (telf. 933012892. Deixade un teléfono de contacto e/ou email para avisos no caso de que haxa que suspendela polo mal tempo.
RECOMENDACIÓN DO CENTRO GALEGO PARA OS PARTICIPANTES
DEBEDES DE:
- Almorzar ben na casa.
- Traer botas de montaña ou calzado cómodo e abrigado de camiñada
- Roupa cómoda e lixeira e gorro para a cabeza
- Botella de auga, froita, bocadillo e algúns froitos secos
- Mochila pouco pesada
- Se o tedes, bastón de camiñar
- Se a mañá está nubrada, recoméndase unha capelina ou chuvasqueiro lixeiro por se chovese
- Algunha cámara de fotos para deixar constancia da nosa fazaña