Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Foro Social Galego, até domingo en Compostela

Galiza demostra que é posíbel crear outro mundo dende aquí

Após inauguralo con expectación, as actividades continúan na primeira xornada do Foro Social Galego. Participan máis de 80 movementos sociais galegos.

Redacción - 13:00 06/12/2008
O representante de Vía Campesina, Paul Nicholson, na inauguración do FSGal

O representante de Vía Campesina, Paul Nicholson, na inauguración do FSGal

Esta sexta feira inaugurouse o primeiro Foro Social Galego (FSGal) en Compostela, ao que xa se adheriron máis de 80 movementos sociais galegos e centos de persoas a título individual que participan, durante este sábado e domingo, nunha enchente de actividades destinadas a demostrar, dende o noso país, e "outro mundo é posíbel".

A organización tivo que cambiar o lugar de inauguración da Sala Circular do Auditorio de Galicia pola Sala Mozart, ante a inesperada afluencia de público. Até 15 membros de colectivos moi variados interviñeron para explicar as razóns do nacemento do FSGal, o seu programa autoxestionado e proposto polos movementos e para facer un chamamento á participación e para remarcar que cómpre pensar e construír alternativas ao fracaso neoliberal dende Galiza.

Durante o acto léronse saúdas de destacados persoeiros do planeta altermundialista, como os brasileiros Chico Withaker, Frei Betto e Leonardo Boff, o galego Ignacio Ramonet, Eduardo Galeano, Susan George, Federico Mayor Zaragoza, o portugués Boaventura de Sousa Santos (Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra), Bernard Cassen (ex-director xeral de Le Monde Diplomatique), Ricardo Díez Hochleitner (presidente do Club de Roma)...

Comeza o FSGal
Agora o foro está en marcha, e as actividades non pararán deica o domingo. O sábado comezou ás 09:30 horas coa ponencia titulada "Cidadanía, Dereitos Humanos e gobernanza planetaria. No 60 aniversario da Declaración Universal dos dereitos Humanos", no que participaron Manuel Dios Diz (Seminario Galego de Educación para a Paz); Manuela Mesa (CEIPAZ); Margarita Ledo Andión (Catedrática de Comunicación Audiovisual da USC); Luís Acebal Monfort (Asociación pro Dereitos Humanos-APDH); Beatriz Fernández Herrero (Profesora do Dep. de Lóxica e Filosofía Moral da USC); e Roberto Mansilla (Analista do IGADI). Ao tempo desenvolvéronse dúas mesas; unha sobre a "Saúde Global e Obxectivos do Milenio" e, polo outro, "Galiza fronte ao cénit do petróleo: consecuencias socioeconómicas e resposta política". Ao mediodía comezará un plenario sobre "Galiza e os países de lingua portuguesa no Foro Social Mundial", un outro sobre "Soberanía Alimentaria", no que participará un representante de Vía Campesiña; e un terceiro sobre "Galiza, territorio, enerxía, seguridade, mobilización social: o caso de Reganosa".

Pola tarde comezará a sesión terceira, ás 16:30 horas cun primeiro plenario titulado "O neoliberalismo en crise: cara onde vai o sistema?", no que participarán Xabier Macías (Fundación Galiza Sempre); Mari Carme López Santamariña (Executiva Confederal da CIG); Xavier Vence (Catedrático de Economía Aplicada. USC); e José Vidal-Beneyto (Sociólogo, Director do Colexio de Altos Estudos Europeos Miguel Servet de París, Comité de apoio de ATTAC). Ao tempo falarase sobre unha "Galiza Intercultural", sobre os "Medios de Comunicación e a manipulación da memoria: Colombia como paradigma" e sobre o "Consumo responsábel: construíndo alternativas dende Galiza".

Ás 19:30 horas comezará o último plenario, sobre as "Perspectivas do Altermundismo", no que participarán Xosé Manuel Beiras (Presidente da Fundación Galiza Sempre. Membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial); Carlos Taibo (Profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid).; Lidia Senra (Sindicato Labrego Galego). Lupe Ces (Marcha Mundial das Mulleres); e Xan Duro (Verdegaia).

As actividades seguirán o domingo, pero o sábado aínda haberá concertos e varias animacións musicais; a primeira, ás 18:30 horas na Carpa dos Movementos Sociais (Burgo das Nacións). Ás 18:30 horas Casilda Alfaro interpretará Pudor, un fragmento da obra Tic-Tac, de Suso de Toro, no Auditorio de Galicia. Ademais, ás 22:00 horas actuará o grupo Pel de Noz, ofrecendo un concerto acústico, e xusto media hora despois, no CS O Pichel, tocarán os grupos Ataque Escampe e Sacha na Horta.

Ademais, ao tempo que se discute nas aulas, nos espazos audiovisuais e , presentaranse libros, manifestos, publicacións, e proxectaranse filmes, curtas, documentais... Un programa completo que é mellor consultar, non vai ser que se perda algo.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Manuel Beiras, Xabier Macías e Lidia Senra nos corredores do Auditorio de Galicia
Xosé Manuel Beiras, Xabier Macías e Lidia Senra nos corredores do Auditorio de Galicia
O público tivo que desprazarse á Sala Mozart por non entrar na Sala Circular do Auditorio
O público tivo que desprazarse á Sala Mozart por non entrar na Sala Circular do Auditorio
Membros do Consello do FSGal durante o acto de apertura
Membros do Consello do FSGal durante o acto de apertura