Estas medidas deberían extenderse ao resto do ano: un alumeado ineficiente é unha das principais causas do afogo económico dos concellos, contribúe ao cambio climático e causa contaminación lumínica, alén de supoñer un dispendio imoral nestes tempos de crise.
Moitos concellos galegos inauguran hoxe o seu alumeado ornamental de Nadal, que manterán aceso até o 6 de xaneiro. Malia a que certamente estase a facer un esforzo por limitar os horarios (encender co alumeado público e apagar ás 23-24h sería o recomendado) e substituir as luminarias por outras de baixo consumo (as ideais son os LEDs), paradoxalmente está a aumentar o número de elementos ornamentais e as datas de funcionamento (un mes) seguen sendo excesivas.
ADEGA pide aos concellos máis contención no gasto en alumeado, lembrando que as medidas de aforro enerxético deberían extenderse ao resto do ano e máis nesta época de crise.
Un alumeado público ineficiente, alén de desbaldir até o 50% da enerxía que consume e contribuir ao aumento de emisións de gases de efeito invernadoiro, é tamén unha das principais causas de endebedamento de moitos concellos que ven como a factura eléctrica non para de medrar. A optimización dos sistemas de alumeado, adatando as luminarias en canto a tipo (millor as de sodio que as de mercurio), colocación e orientación, e optimizando os horarios, pode aforrar até un 60% do gasto eléctrico, reducindo tamén a contaminación lumínica. Este tipo de contaminación, ao igual que a acústica, está asociada ao mal uso de dispositivos -neste caso de iluminación- e é causa de alteracións ambientais e mesmo problemas de saúde, alén de impedir a contemplación e a investigación do ceo nocturno.
Neste senso, ADEGA demanda das administracións a aplicacións de planos de aforro e eficiencia tendentes a reducir o despilfarro enerxético nos concellos, máis aló de medidas puntuais. Estes planos deben ir orientados, por unha banda a incrementar a eficiencia no consumo de enerxía (optimizando por exemplo os sistemas de iluminación, illamento, etc.) e por outra á introducción das enerxías renovábeis nos edificios e instalacións públicas. Paralelamente, son precisas campañas de concienciación cidadá para que a povoación se decate da importancia de que iluminar ben non pasa por gastar máis enerxía nen poñer máis farolas, senón por aproveitar millor a luz que emitimos.