Os integrantes orixinais do grupo reuníronse no Paraninfo da Facultade de Medicina corenta anos despois nun acto sen gran presenza institucional.
Non eran dous mil, como no concerto de abril de 1968. De feito é moi probábel que mesmo en 1968 fosen bastante menos que dous mil, como ben recoñecen varios dos integrantes de Voces Ceibes. O deste xoves era un acto de nostalxia, non se trataba de dar a coñecer o 68 compostelán ás novas xeración, por moito que en varios dos discursos (o de Elías Torres, o de Guillermo Rojo, o de Ricardo Gurriarán...) se fixesen constantes referencias ao encontro xeracional entre os estudantes daquela e os estudantes de hoxe.
O público era sesentaeoitista, por xeración e por espírito, e entre os asistentes botouse a faltar (non porque fose necesaria, senón porque estaba anunciada) a representación institucional. Finalmente non asistiron nin Touriño nin Álvarez Areces, deixándolles o protagonismo aos artistas. Tan só o conselleiro de Economía, Fernández Antonio, representaba á Xunta. O público era homoxéneo non só en idade, ademais, cunha maioritaria presenza de comunistas ou antigos comunistas, e practicamente nula participación nacionalista. Fica claro, unha vez máis, que no 68 compostelán e en Voces Ceibes as siglas eran as do PCE (PCG); o momento do nacionalismo veu despois.
Tampouco era un concerto; houbo máis palabras que cancións, e estas chegaron tarde, entroutros motivos polo atraso de dúas horas no voo que traía a Vicente Araguas dende Madrid. Cantar, cantou Xabier del Valle, e Miro Casabella, que é o único que segue dedicado a isto. Falar, falaron todos, sobre todo Guillermo Rojo, que exerceu de voceiro do colectivo. Nostalxia e aplausos acompañaron cada intervención, e as cancións que dende o inicio do acto soaron nos altofalantes do Paraninfo: No Vietnam, Un home, Quen tivera vinte anos... Foi peche dun ano de celebracións: corenta anos do 1968 compostelán, corenta anos de Voces Ceibes. Compostela, a universidade, a canción, a loita, a rúa, seguen aquí.