O Colexio de Economistas da Coruña premiouno esta semana por un artigo publicado en Vieiros.
Marcelino Fernández Mallo
O artigo A refundación do capitalismo de Marcelino Fernández Mallo mereceu o segundo premio do Colexio de Economistas da Coruña. O texto, publicado en Vieiros o pasado 27 de outubro, analiza a encrucillada na que se atopa o mundo en plena crise financeira. Fernández Mallo fala da necesidade dun novo modelo que pense tamén nos máis febles.
-No artigo premiado vostede bota man de certa retranca para achegarse a todo o que rodea a crise económica mundial...
-A retranca non existe na economía, todo é demasiado serio e plano. Nos tempos que vivimos é imprescidíbel o escepticismo (que está moi ligado á retranca).
-Subliña que a gran asignatura pendente do sistema económico no que vivimos é a de “diminuir as aberrantes diferenzas de renda e de riqueza”. Pero, que se precisa para lograr isto?
-Primeiro é necesaria unha análise crítica que recoñeza as eivas dun sistema tan ultraliberal como o que temos visto nos últimos anos nos mercados. Fai falta menos hipocrisía. Fálase do 0,7 para o terceiro mundo pero cando se aplican as políticas son só en beneficio do chamado primeiro mundo. O sistema non ten reparos en esquencer lacras como a da fame.
-Mais aínda que é certo que se escoitan moitas voces que critican o neoliberalismo radical dos últimos anos tamén hai quen di que a doutrina non é problema. Como se vai resolver este debate?
Dende logo hai que corrixir os excesos. Estou seguro de que vai haber unha tendencia ao proteccionismo e seguirá a fallar o multilateralismo á hora de tomar decisións económicas porque prevalecen os intereses locais. Por desgraza, a pesar da crise, non vai haber cambios esenciais. Por eso creo que é preciso que se vaian erguendo voces que denuncien as gravísimas eivas do modelo actual.
-En clave galega, como vai ser economicamente o vindeiro ano?
O 2009 vai ser un ano peor do que se está a comentar nas esferas políticas e xornalísticas. Estanse lanzando mensaxes irresponsábeis. A situación require medidas a curto prazo. É o momento de afrontar a estrutura económica de Galiza. Creo que dende Presidencia e a Consellaría de Economía están a pensar máis en clave electoral.
-Vostede ademais de economista dedícase á literatura. A quen lle quere máis?
(Risos) O corazón está na literatura e a cabeza na economía. Hai biólogos, químicos, enxeñeiros...porque non vai haber economistas na literatura galega.