A consellaría dispón dous millóns de euros para 2009 co obxectivo de que completen os períodos mínimos de cotización.
Xa se poden consultar no DOG as bases reguladoras das axudas que concede a Consellaría de Pesca para que os mariscadores a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización e accedan a unha pensión de xubilación.
O departamento que dirixe Carme Gallego achegará dous millóns de euros para este fin. A medida, en marcha dende 2007, está enmarcada nun plan de melloras sociais que inclúe tamén o seguro de mal tempo ou a ampliación da póliza do seguro colectivo de accidentes no mar aos inmigrantes.
Ao cumpriren 65 anos, os mariscadores deben abandonar a súa actividade, segundo estabelece a normativa. No entanto, moitos destes profesionais non poden gozar da pensión por non teren completado o período mínimo de cotización. Pesca axuda nos pagamentos requiridos pola Seguridade Social e facilita a subsistencia dos traballadores durante ese período.