Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ANDREA RICA, TAEKWONDISTA

"A selección galega sería capaz de loitar coas mellores"

A viguesa vén de proclamarse campioa da Copa de Francia, a última proba da "Clase A" que organiza a Unión Europea de Taekwondo.

Pablo García Martínez - 13:00 08/12/2008
Apañar medallas non é algo novo para  Rica

Apañar medallas non é algo novo para Rica

Andrea Rica semella ter ganas de volver á elite do taekwondo mundial nesta tempada 2008/2009. De feito, non tardou moito en acadar a súa primeira vitoria e, con pouco máis dun mes de competición, apañou un importante ouro na Copa de Francia celebrada o último fin de semana de novembro. Despois de ficar ás portas dos últimos Xogos Olímpicos, Andrea Rica parece recuperar a ilusión por un deporte ao que aínda lle queda moito por ofrecer.

Vieiros: Como viviches a Copa de Francia coa que inauguraches o teu casilleiro nesta nova tempada?
Andrea Rica: Atopeime moi ben e sempre é importante comezar ben o ano. Tiven cinco combates nos que gañei a taekwondistas de Francia, China Taipei, Valencia, Holanda e Cataluña. Neste caso, tivo especial importancia por ser a miña primeira vitoria importante co novo sistema de puntuación no que usamos petos electrónicos semellantes aos da esgrima.

De que maneira che afectou non conseguir a clasificación para os últimos Xogos Olímpicos, a pesar de estar tan preto?
Foi unha tempada dura. Loitei até o último momento por ir a Beixín, acadando a clasificación para o torneo preolímpico, mais ao final non o conseguín. Despois no europeo non conseguín adaptarme aos novos sistemas de puntuación e caín na primeira rolda.

Supoño que agora, con só 23 anos, os Xogos de Londres 2012 son obxectivo que se esconde detrás do teu traballo?
Si, claro. Ao preolímpico só van catro taekwondistas dos 16 que normalmente compoñemos o equipo estatal. Eu estiven alí o ano pasado e estar tan preto aumenta as miñas vontades. Son nova e estou a traballar con ganas, pero agora aínda faltan ctro anos nos que poden pasar moitas cousas.

Cales son os teus obxectivos para a tempada 2008/2009?
O obxectivo primeiro é o campionato estatal, que abre as portas de todo o demais, xa que cos postos acadados aí elaborase o equipo para as demais competicións. Despois supoño que competirei en algún torneo de rodaxe coa intención de preparar a cita, máis coa intención de preparar a Copa do Mundo e o Campionato Mundial.

Estás satisfeita co traballo que se está a realizar no taekwondo galego?
En Galiza faise un bo traballo por parte dos clubes, da Federación, e tamén no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Estáse traballando forte coa base e os resultados son evidentes, xa que a selección galega sempre está nas primeiras posicións dos torneos estatais.

E se pensásemos alén do estatal, que nivel pensas que ofrecería a selección galega competindo nun proba como, por exemplo, o Mundial?
Hai xente moi boa. Eu vexo unha selección competitiva capaz de loitar coas mellores. Falar de medallas é moito dicir, pero non o saberiamos até que nos víramos competindo alí.

Como valoras a mudanza dos pesos olímpicos, que concentran agora aos taekondistas en menos gamas?
A mudanza dos pesos é mala para ao taekwondo en xeral, porque fidan fóra grandes deportistas ao haber menos categorías e, polo tanto, sitio para menos loitadoras. Ten como única cousa boa que aumenta a competencia entre nós, porque agora ninguén se pode relaxar. Aínda así, non creo que nos próximos dous anos haxa moitos campionatos en peso olímpico. Comezarán a ser habituais dous anos antes dos Xogos Olímpicos para que nos acostumemos.

Seguindo coas últimas mudanzas que se introduciron no mundo do taekwondo, como ves os novos sistemas de petos electrónicos que tantos problemas che deron ao principio?
O sistema actual de petos Adidas non me gusta porque desvirtúa a competición e xoga na contra dos taekwondistas máis técnicos. Ese sistema obríganos a mudar a forma de competir e iguala moito as forzas. Con esta medida semella que o deporte debe adaptarse a este sistema, cando eu penso que debería ser do xeito contrario. Teñen que mellorar moito se queren que o sistema funcione ben.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: