O produto, xa usado como psicoactivo, atopouse nunha tumba de 2.700 anos de antigüidade, ao noroeste da China.
Imaxes do cannabis atopado na China, incluídas no documento
Un equipo de investigadores asegura que descubriu o alixo de marihuana máis antigo do que se ten constancia, nunha tumba nunha área remota da China. O cannabis ten 2.700 anos de antigüidade e parece que foi cultivado especificamente "con finalidade psicoactiva" e non como alimento ou tecido, segundo se publica no Journal of Experimental Botany.
Son en total 789 gramos de cannabis desecado que se enterraron a carón dun home de raza branca, ollos azuis e cabelo claro, probabelmente un xamán da cultura Gushi, ao noroeste da China. O solo alcalino e a sequidade do terreo permitiron conservar a tumba en perfectas condicións. Mesmo o vexetal conservaba a súa cor verde, malia que xa perdeu o seu característico aroma.
Xa se atoparan restos de cannabis no antigo Exipto, entre outros lugares, e historiadores como o grego Herodoto xa falaran da substancia, pero a atopada na tumba da China é a máis antiga que se puido analizar. O equipo de investigadores, composto principalmente por chineses, fixo todo tipo de probas na marihuana, dende a datación por carbono 14 até unha análise xenética.
Mesmo tentaron facer xermolar cen das sementes atopadas, aínda que non tiveron éxito. A marihuana tiña un contido relativamente alto de THC, o principio activo do cannabis. Non se puido determinar se o produto se consumía fumando ou inxerindo, pois non se atoparon máis pistas na tumba do xamán, que morreu aos 45 anos de idade. O alixo estaba gardado nun cesto de coiro e nun bol de madeira e suponse que estaba destinado ao consumo na outra vida.