No resto do Estado acumúlase unha caída do 7%. Esta segunda feira o conselleiro de Economía sinalou que hai riscos de que entremos en recesión nos vindeiros meses.
Galiza é a única Autonomía na que se encareceron os prezos da vivenda usada no que vai de ano, cun incremento medio do 2,64%, mentres que no conxunto do Estado Español acumúlase unha caída do 7% até novembro.
Estes datos tíranse do Preciómetro que elabora a web Facilísimo.com, e que sinala que o prezo dos inmobles de segunda man baixaron un 0,48% en novembro a nivel estatal, situándose nos 2.293 euros o metro cadrado. As principais caídas dos prezos rexistráronse na costa mediterránea, e os máis elevados localizáronse Euskadi, Madrid e Cataluña; os máis baixos: os de Estremadura.
Cambio de tendencia no mercado inmobiliario
Segundo este estudo, dada a moderación dos prezos da vivenda, a baixada do Euríbor e a previsión de que tamén baixen os tipos de xuros na UE, "asistiremos a un cambio de tendencia no mercado inmobiliario", xa que nestas condicións podería "reactivarse a compra de vivendas, primando a garantía e o aforro como chaves fundamentais na adquisición dun piso ou casa".
Economía prevé que Galiza entre en recesión nos vindeiros meses
O conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, asumiu hoxe que "no actual escenario de incerteza", existen "riscos de crecemento á baixa" nos próximos trimestres, polo que o noso país podería entrar en recesión.
Fernández Antonio realizou estas declaracións tras coñecer que o PIB galego medrou un 1,6% no terceiro trimestre do ano, respecto do mesmo período de 2007 -sete décimas por riba da media estatal-, mais so un 0,1% máis que o trimestre anterior. Aínda que, neste sentido, o conselleiro sinalou que o noso país presenta "un menor dinamismo", está a ter "un mellor comportamento relativo que o resto do Estado, tanto en termos de crecemento coma de emprego". Así, Fernández Antonio sinalou que neste momento, no que as institucións internacionais lle toman o pulso á economía "cada moi pouco tempo", é a hora de manter o diferencial positivo e seguir coa converxencia".
O conselleiro de Economía tamén admitiu que este escenario cambiante e de deterioro económico implica tamén, "un risco" que podería levar ao Goberno a "revisar -á baixa- ás taxas de crecemento" que pasarían por pechar 2008 cun avance do PIB do 2%, e estimar, para 2009, un aumento desta taxa até o 1,3%.
Pequena caída das vendas de automóbiles
As matriculación de automóbiles no noso país baixaron un 41,9% en novembro, en relación ás rexistradas no mesmo mes de 2007, ao situarse en 3.595, segundo os datos facilitados polas dúas asociacións de fabricantes e vendedores, Anfac e Ganvam respectivamente. Porén, a pesar do forte descenso, Galiza foi a terceira Autonomía do Estado cunha menor caída, quedando só por detrás de Euskadi e Navarra.