Un libro denuncia e á vez chamamento á acción dos consumidores fronte á precariedade das mulleres no sector téxtil.
Son tratadas como simples "factores de produción" e sofren de negativas condicións laborais en todo o mundo, ao tempo que actúan como piar da "economía afectiva" levando o peso de fogares e mesmo das comunidades. "A violación dos seus dereitos non ten as mesmas consecuencias que as conlevaría se fosen homes", analizan nese sentido desde a campaña Roupa Limpa. Enfermidades derivadas dos insalubres postos e condicións de traballo, cansancio debido a xornadas laborais interminábeis, malnutrición...
Nesa liña sae á luz o volume "Fabricado por mulleres", un traballo que quere ser ferramenta de denuncia da situación e voceiro das necesidades e reivindicacións das traballadoras, centrado especialmente no sector téxtil. "Vestimos as roupas que estas mulleres cosen", subliñan os promotores da obra, insistindo na importancia da mobilización dos consumidores en apoio destas mulleres que levan anos "negociando e loitando". "Xa e hora de que nós asumamos a nosa responsabilidade", desafían ao consumidor.
"A única forma de mudar a situación das traballadores é amosar o lado humano destas mulleres e desafiar a corrente dominante dos economistas que teiman en non ter en conta os dereitos dos traballadores", apunta Junya Lek Yimprasert, coordinadora da Campaña Tailandesa de Roupa Limpa. Deste xeito, o libro recolle testemuño de mulleres de diferentes países e contextos laborais, que achegan diversas ideas sobre a loita a prol dos dereitos laborais e poñen cara ás difíciles condicións dos talleres do sector da confección e o calzado.